CONCELLERÍA DE CULTURA
O luns, Maxia e humor co Mago Román no Ciclo do Día da Patria Galega en Fene
10-07-2015
En “Labirinto de ilussións 2.0.”, maxia e humor van da man. Así, os/as veciños/as que asistan a este espectáculo poderán coñecer a Rufo, un mapache amaestrado capaz de lanzar lume pola boca ou de localizar a carta escollida por un espectador. Tamén participarán nun xuizo popular para descubrir ao asasino de Lord Byron e serán testemuñas excepcionais dunha viaxe a través do tempo.Tampouco faltará neste espectáculo a fascinante maxia de perto, que o público poderá seguir a través dunha proxección en directo.
Román García (A Coruña, 1977) é un coñecido, premiado e innovador ilusionista galego. Dende moi novo, sentiuse atraído pola arte da maxia. Os seus comezos foron na Sociedade Coruñesa de Ilusionismo, á que acudía co seu irmán Kiko e o seu amigo Luis Piedrahita e onde aprendeu de grandes mestres coma Lorc e Pablo, que lle revelaron os segredos da maxia.
Pronto a súa paixón converteuse en profesión, acadando en Vitoria en 1996 o Primeiro Premio Nacional de Maxia de Perto. Dende aquela, son habituais as súas intervencións televisivas en cadeas públicas e privadas.
Román é membro da Sociedade Coruñesa de Ilusionismo e da Asociación de Magos Profesionais de Galicia. As súas creacións máxicas teñen sido presentadas e premiadas en numerosos congresos nacionais e internacionais de ilusionismo.
O Ciclo do Día da Patria Galega continuará o martes, 14 de xullo, coa celebración do X Festival de Habaneiras “Concello de Fene” (ás 20.30 horas) no que tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío.
Organiza: Concellería de Cultura de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña e Agadic-Xunta de Galicia.