Catro corais e dúas rondallas protagonizarán este martes o X Festival de Habaneiras "Concello de Fene"

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Catro corais e dúas rondallas protagonizarán este martes o X Festival de Habaneiras "Concello de Fene"

O certame, organizado pola Concellería de Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña e Agadic-Xunta de Galicia, encádrase no Ciclo do Día da Patria Galega e comezará mañá martes ás 20.30 horas, na carpa instalada a carón do Concello.
Neste mesmo espazo, o mércores terá lugar a Xornada de Convivencia Interxeracional, concibida coma encontro dos veciños/as de Fene de todas as idades. Nesta festa, que comezará ás 20 horas, distribuirase gratuitamente churrasco, bola e empanada (até rematar existencias). Tamén haberá zona de xogos para nenos/as e, ao remate, ao redor das 22.30 horas, anuncianse unha actuación do grupo Los Zares.
LOS ZARES
O grupo nace en Neda a finais dos anos 60, por iniciativa de Manolo Pereira, que naqueles tempos tocaba a batería, e que se puxo en contacto con Luís e Wenceslao, dous guitarras que formaban parte da recén constituída rondalla “Lucero del Alba”. Como baixista estaba Juané, primo de Manolo, e como cantante, un mozo de Barallobre (aínda que con raíces cubanas), chamado Jesús Curros. 
Los Zares comezaron ensaiando no Liceo de Neda e, segundo contan, as súas primeiras andainas musicais foron, sobre todo, en festas patronais (Miño, Barallobre, Neda, etc) así como na Sala Perla de Perlío, onde chegaron a compartir escenario con outros grandes grupos da zona.
A finais de 1968 incorpórase a Los Zares un novo guitarrista chamado Carlos (ocupando o lugar de Wenceslao, que estaba facendo a mili) e, ao pouco, marcha tamén do grupo Jesús Curros, ao que vai sustituir un mozo de Perlío chamado Juan G. Vargas, máis coñecido coma “Juangui”.
A partir de 1971, marcha Carlos e, tras del, outros membros do grupo, o que supuxo a fin de Los Zares na súa primeira etapa, aínda que a maioría dos seus membros seguiron vencellados á música noutros grupos.
Xa no ano 2004, Los Zares reúnense de novo e volven subir aos escenarios, prácticamente cos mesmos membros, e cun repertorio de cancións da súa época dourada (anos 60-70). En decembro de 2006 publicaron o seu primeiro disco “...tal como éramos” e, dende aquela -xa como Asociación Cultural- participan en festivais solidarios para diversas entidades da comarca (Teima-Síndrome de Down, Parkinson Ferrol, ONG Adra, etc.).