O "Verán Máis Alá" visita o Muncyt da Coruña

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O "Verán Máis Alá" visita o Muncyt da Coruña

Durante a súa visita ao Muncyt, os rapaces do Verán Máis Alá terán oportunidade de coñecer o túnel Interactivo do Cern, unha instalación única no mundo que foi creada pola Organización Europea para a Investigación Nuclear e que xusto se inaugura ese día. Tamén se achegarán a "Un universo de luz”, exposición que amosa as principais propiedades da luz e as súas aplicacións, e á mostra “Mare plasticum-Peces de plásticos”, colección de obras artísticas realizadas con lixo de plástico recollido nas praias de Galicia polos autores Wolfgang Trettnak e  Margarita Cimadevila.
Ademais de visitar as exposicións temporais, os nenos/as feneses tamén coñecerán a colección permanente do Muncyt, institución que conserva nas súas instalacións máis de 15000 obxectos, entre instrumentos científicos, aparellos tecnolóxicos, medios transporte, maquinaria, ferramentas industriais, etc.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, a excursión deste mércores ao museo completarase cunha parada na praia de Riazor.
O Verán Máis Alá! de Fene é un campus lingüístico que organiza a Concellería de Cultura e Ensino co obxecto de facilitar unha alternativa de lecer educativo na nosa lingua, á vez que, polo seu horario, promove a conciliación da vida laboral e familiar. Cento vinte nenos/as participan este ano no “Verán máis alá”, que xira nesta ocasión en torno á sétima arte como tema central sobre o que xiran todos os contidos e actividades.
As actividades do Verán Máis Alá! 2015 pódense seguir a través do blog http://veranmaisala2015.blogspot.com.es