O II Campus de Fútbol Sala Feminino María Vieira "Mavi" Concello de Fene chega ao seu ecuador

CONCELLERÍA DE DEPORTES

O II Campus de Fútbol Sala Feminino María Vieira "Mavi" Concello de Fene chega ao seu ecuador

Ao longo desta primeira semana as 23 participantes inscritas gozaron das entretidas e variadas sesións propostas por Pilar Costa e Natalia Prieto, organizadoras do Campus, en colaboración co Concello de Fene. Co fúbol sala como eixe central o día a día das xogadoras transcorre entre exercicios técnico-táticos, xogos de cooperación e moitas actividades multideporte: voleibol, fut-tenis, baloncesto, hóckei, rugbi... Na xornada do xoves, aproveitando o bo tempo estival, o Campus trasladou o seu escenario á praia de Amieiras en Fene, onde houbo máis dunha que rematou pasada por auga.
Ao longo desta semana o Campus recibiu varias visitas de xogadoras de renome. O luns, día da presentación do Campus, fixo as honras de inauguralo a xogadora internacional de Fene da que toma o nome o Campus, María Vieira "Mavi", quen charlou e participou nos exercicios coas nenas. O mércores a quenda foi para o referente actual na bisbarra, Erika González Asensio, xogadora internacional do recén ascendido Valdetires Fsf. Hoxe venres foi a quenda para outra gran xogadora internacional de Narón, Lidia Mesías. A próxima semana seguirán visítas sorpresa de luxo neste II Campus de Fútbol Sala Feminino. O cartel de colaboracións desta edición superará en calidade ao do ano pasado, achegando ao Concello de Fene a xogadoras de fútbol sala de primeiro nivel mundial.
Tras o parón da fin de semana o II Campus voltará á actividade o vindeiro luns, dando comezo á segunda e última semana. Este evento despedirase das xogadoras o venres 24 de xullo nunha xornada festiva que se prevé chea de sorpresas.