ALCALDÍA
Declaración institucional do día da Patria Galega 2015
20-07-2015
Presidiu o acto o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, acompañado por membros da corporación municipal e do movemento veciñal.Declaración Institucional
"A Patria é un destino. Un destino labrado polos homes e mulleres que conforman o noso país, o noso pobo. Un destino que hoxe, neste acto institucional co gallo das actividades conmemorativas do “Día da Patria” que organiza o Concello de Fene continuando o exemplo das “ Irmandades da Fala”, que no ano 1919 instauran o 25 de xullo como acto de afirmación da nosa identidade colectiva, e ante o monumento a este solemne Día, neste parque Lineal do Río Cadavo, devólveme de novo a poucos centos da casa onde nacín; a escasas decenas de metros da casa dos meus avós e a carón da casa dos meus pais, onde a infancia e mocidade volven neste día a min coa imparábel forza da lembranza. Regrésame de novo á primeira patria que é a liñaxe, a familia e o pobo.
A Patria é a memoria. Memoria entendida coma saudade. Ninguén coma o pobo galego sabe entender mellor o sentimento da saudade pola patria, construído desde o exilio ou a emigración. Dicía o escritor Jorge Teilleir que “ter nostalxia é ter patria no tempo”. Somos un pobo que ao longo da nosa historia viu marchar aos seus fillos alén do mar e vivir cunha permanente arela polo regreso á terra; por iso os galegos e as galegas sentimos coma ningún outro pobo ese fondo amor pola Patria. De novo hoxe volven os nosos fillos e fillas a marcharen lonxe do país para poderen ter unha vida máis digna, e iso é algo que Galicia non pode permitir: necesitámolos para construír un futuro venturoso, próspero e esperanzador na nosa propia terra.
Nestes versos fermosísimos do poeta palestino Fadwa Tuqan resúmese perfectamente este sentimento:
“Só quero morrer na miña terra
que me enterren nela
quero afundirme e desvanecer
na súa fertilidade
para resucitar sendo herba
na miña terra
para resucitar sendo a flor
que desfolle un rapaz criado
no meu país
Só quero estar no peito da miña patria
sendo terra
herba
ou flor”
Galicia ten que ser tamén un país que acolla con fraternidade a eses outros cidadáns que veñen de países de América, África ou Asia polos mesmos camiños polos que marcharon os nosos devanceiros para traballar ou exiliarse, e poder levar entre nós unha vida coa dignidade que se lles nega na súa propia terra e así fagan da nosa a súa. Un lugar onde criar os seus fillos, que xa son os novos galegos e galegas do futuro, nunha sociedade moderna, multicultural e enriquecedora. Non debemos esquecer que a Patria somos todos e todos somos a Patria.
A Patria é a lingua. Os poderes públicos teñen o deber, e os cidadáns o dereito, de protexer os nosos sinais de identidade entre eles a lingua, o idioma propio de Galicia, e garantir o futuro da súa supervivencia que ten que estar, en primeiro lugar, na dotación dos medios axeitados nos centros de ensino e na promoción e implantación de verdadeiras políticas lingüísticas para que o galego ocupe o posto que lle corresponde coma idioma propio de Galicia. Como dicía o excelso poeta Manuel María:“O idioma é a patria
a esencia máis nosa
a creación común
meirande e poderosa.”
A Patria son tamén os símbolos. E nunha data coma a que hoxe celebramos , na que todos os galegos e galegas nos recoñecemos como pobo, os símbolos da nosa identidade e historia dannos a necesaria forza colectiva, enchendo balcóns e rúas de Fene coa nosa bandeira azul e branca, para traballar con afouteza cara a un futuro mellor e máis xusto.
Remato desexándovos a toda a veciñanza de Fene un feliz Día da Patría ou como gustaba de dicir o grande poeta da terra, Ramón Cabanillas, feliz Día da Matria: Galicia Nai e Señora.
Pablo Bouza Suárez"