Próxima apertura do prazo de inscrición para as escolas e obradoiros deportivos municipais

CONCELLERÍA DE DEPORTES

Próxima apertura do prazo de inscrición para as escolas e obradoiros deportivos municipais

A inscrición nas Escolas de Piscina realizarase os días 15 de setembro (só residentes en Fene) e 16 de setembro (poboación en xeral). Para a totalidade das Escolas Deportivas Municipais, as datas establecidas serán o 17, 18 e 21 de setembro (só residentes en Fene) e do 22 ao 24 de setembro (poboación en xeral). O horario de atención ao público no Pavillón Municipal “A Xunqueira” será de 8:30h a 14:30 h. (todos os días) e de 16:00h a 19:00h (os días 15, 16 e 23 de setembro).Dende a Concellería de Deportes saliéntase a variedade de actividades organizadas para este novo curso 2015-2016.
Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, xuvenil, de adultos e terceira idade, natación para embarazadas, natación terapéutica (combinada ou non con rehabilitación funcional) e aquagym. No pavillón “A Xunqueira” haberá atletismo, pequedeporte (deportes variados), musicoterapia, “runnin para todos” (preparación física), fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, aerobic, ioga, pilates e rehabilitación funcional (que se pode combinar con natación terapéutica).
Tamén están previstas diferentes escolas deportivas noutras instalacións do Concello de Fene coma o pavillón O Ramo de Barallobre (ximnasia artística e trampolín), Centro Social de Fene (ioga), ximnasio da Casa da Cultura (judo e karate) e piscina de Centieiras (pilates)
A maiores, a Concellería de  Deportes do Concello de Fene volve organizar o tradicional obradoiro de “educación física contra a fatiga oncolóxica”. O Concello de Fene é pioneiro na organización desta actividade que ten coma obxectivo fundamental tentar reducir a fatiga que acompaña ao cancro e aos seus tratamentos. Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada “que tenta axustarse en todos os casos ás características e posibilidades de cada persoa” e que está baseada nos contidos propios da educación física, no exercizo cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, coordinación, etc.
O período de inscrición para esta actividade prolongarase  dende o 17 ao 24 de setembro, nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín, nos horarios establecidos para a inscrición na totalidade de escolas deportivas municipais.
A incorporación dos alumnos e alumnas ás Escolas e Obradoiros Deportivos Municipais producirase a partir do vindeiro 1 de outubro nos días da semana, horas e locais fixados para cada actividade.
 
ESCOLAS CULTURAIS
En relación coas escolas culturais para o curso 2015/16, dende a Concellería de Cultura e Ensino anúnciase que a inscrición formalizarase do xoves 1 ao xoves 8 de outubro (os días 1, 2 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6, 7 e 8 de outubro, a poboación en xeral). Neste caso, o horario de atención ao público será de 8:30h a 14:30 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o xoves 1 e o mércores 7 de outubro).
A oferta de escolas culturais municipais para este novo curso pasa por actividades coma piano e solfexo, iniciación e perfeccionamento á guitarra, idiomas (“Xogamos co inglés” e “Falamos inglés”), cociña (obradoiro de “Cociña para vag@s”), cómic, fotografía dixital, risoterapia (Obradoiro “Licenza para rir”) e por diferentes cursiños TIC (redes sociais para principiantes, introducción a internet e introducción á ofimática ).
Para máis información sobre as escolas ou obradoiros deportivos ou culturais municipais, pódese chamar ao teléfono das dependencias administrativas dos Departamentos de Deportes, Cultura e Ensino do Concello de Fene (981-340366) ou consultar a normativa xeral de matriculación das devanditas escolas na páxina web municipal (www.fenecidadan.net). Asemade, ao longo desta semana, estarán a disposición de todos/as os usuarios/as os cadernos coa información das escolas nas distintas instalacións deportivas e culturais do concello, así como tamén o primeiro día de colexio nos centros educativos.