O Museo do Humor de Fene recibe unha importante doazón de debuxos de autores de "A Codorniz"

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O Museo do Humor de Fene recibe unha importante doazón de debuxos de autores de "A Codorniz"

Ao redor de douscentos debuxos e unha vintena de obxectos pintados polo humorista gráfico Serafín Rojo compoñen a colección que o Museo del Humor de Fene ven de recibir, en concepto de doazón, por parte do coleccionista madrileño José Luís Olavarría. Entre os autores que asinan os debuxos, salientan Mingote, Maturana, Gallego&Rey, Kalikatres, Pablo, Forges, Summers, Cabañas, Almarza, Chumy Chúmez, Maturana ou Eduardo. Tamén se inclúen obras dos galegos Xaquín Marín, Quesada, Julio Cebrián, e Moncho Borrajo. A colección complétase cunha serie de debuxos e obxectos pintados (pedras, caixas de puros, unha pandeireta, xarras…) polo debuxante Serafín Rojo, amigo persoal de Olavarría,
Segundo explica a familia Olavarría, a orixe da colección de debuxos de humor de José Luis Olavarría comeza nos anos 70 “cando coñece ao ilustre humorista Serafín Rojo, co que entabla unha relación de amizade que perdura ata o seu falecemento no ano 2003”.
No ano 1981, o coleccionista madrileño inaugurou unha galería de arte no pobo onde vive, San Agustín del Guadalix, onde se amosaron obras dos mellores debuxantes de humor da época: Summers, Pablo, Maturana, Mena, Palacios, Kalikatres, Eduardo…
Tal e como explica a familia Olavarría nunha misiva remitida ao Concello de Fene, “consideramos que o Museo do Humor de Fene é o lugar idóneo para que esta colección sexa desfrutada por un maior número de persoas. Os debuxos e os documentos que hoxe vos facemos entrega están cheos de lembranzas e afectos; e agardamos que as novas xeracións desfruten do inxenio dos artistas da mítica revista “La Codorniz”.
A Concelleira de Cultura de Fene, Amalia García, agradeceu a confianza depositada pola familia Olavarría no Museo do Humor, salientando que esta doazón de debuxos e obxectos pintados supón unha importante aportación aos seus fondos. A edil avanzou que moitos dos obxectos da colección Olavarría xa se poden ver nunha das vitrinas da exposición permanente do Museo e que varios debuxos tamén se incorporarán en breve para desfrute de todos os visitantes do Museo do Humor de Fene.