CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Curuxa do humor 2015
15-09-2015
Os/as participantes poderán presentar un só debuxo, de temática libre e en calquera das modalidade do humor gráfico: mudo, texto ilustrado (en lingua galega), viñeta, etc. En calquera caso, deberán ser debuxos orixinais, de creación propia e inéditos, non admitíndose fotocopias, copias dixitais ou grabados. Ademais, deberán estar feitos en cartolina e en formato A3.Os traballos a concurso poderán presentarse ata hoxe martes 15 de setembro ás 14.00 horas no Rexistro Xeral do Concello de Fene (Avda. do Concello, s/n, 15500 Fene, A Coruña). Os debuxos enviaranse en paquete/sobre/tubo sen remite e facendo constar no exterior “Para o concurso do humor gráfico Curuxa’2015”, amais da categoría na que concursa.
No interior, a obra presentarase baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto cun sobre independente, pechado, e en cuxo exterior conste: Concurxo de humor gráfico “Curuxa do humor 2015”, a categoría na que concursa (CURUXA ou CURUXA NOVA), o título da obra e un lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior (plica) incluirase unha copia do DNI, enderezo, teléfonos de contacto, correo electrónico, breve currículo, declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal. Asemade neste mesmo sobre terán que achegar certificado de titularidade da conta na que, de recibir algún dos premios regulados nas bases, se fará efectivo o pagamento. No caso que haxa algún concursante menor de 18 anos, deberá achegar copia do DNI do pai/nai ou titor/a legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso.
Os premios que o Concello de Fene contempla para esta 18ª edición do concurso de humor gráfico “Curuxa” son os seguintes:
· Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma
· Categoría CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 500 euros e diploma
O xurado do premio, nomeado polo Concello de Fene, estará presidido polo alcalde de Fene, formando parte do mesmo a concelleira de Cultura e tres humoristas ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene. O fallo do xurado terá lugar no último trimestre de 2015 e darase a coñecer a través da páxina web fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación. Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor.