CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
O Museo do Humor acollerá este xoves unha conferencia de Siro López sobre o caricaturista José Cao Luaces
17-09-2015
O acto, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, complementa a exposición “José Cao Luaces. Galego universal na caricatura” que se amosa ata finais de mes na Casa da Cultura de Fene.Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Considerado o pai da caricatura política arxentina, José Cao Luaces naceu en Cervo (Lugo) en 1866. Aos 20 anos marchou a Bos Aires onde comezou a traballar colaborando con distintos medios ata que foi contratado pola revista Don Quijote, publicación crítica co goberno do momento na que se empregaba o humor como arma poderosa. Dende as súas páxinas, Cao adicouse a caricaturizar aos mandatarios desa época, sufrindo por iso persecucións e mesmo prisión. Trala súa etapa en Don Quijote, o debuxante galego traballou para El Eco de Galicia e, posteriormente, para Caras y caretas, publicación que representou a madurez do humorismo político e na que o caricaturista deixou unha boa escolma da súa obra. José Cao Luaces faleceu na cidade bonaerense de Lanús en 1918.
SIRO LÓPEZ
Naceu no ano 1943 en Ferrol (A Coruña). Dende 1970 ata o 2006 adicouse a facer debuxos de humor e caricatura política en distintas publicacións galegas, salientando os seus traballos para o xornal La Voz de Galicia (publicación á que estivo vencellado máis de trinta anos). Publicou dezaseis álbumes de temática variada, dende a caricatura e o humor á ilustración, o desnudo feminino e o retrato. Realizou para o Proxecto Galicia (2004), de Hércules Edicións, as ilustracións dos dous volumes adicados á Antropoloxía.
En 1990 deseñou a Praza do Humor da Coruña, único recinto urbano destas características, que pretende ser “unha homenaxe aos grandes humoristas do mundo, dende Galicia e en galego”. Tamén é autor dos Murais en Obras de Porto, de Ribadeo, realizados en 2004.
Realizou exposicións individuais en grande parte de cidades e vilas galegas e en Madrid, Barcelona, Bilbao, Vila Real e Lisboa. A súa obra está representada no Museo Municipal de Ferrol, no Museo Carlos Maside de Sada, no Museo do Humor de Fene, na Fundación Araguaney e no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela. Tamén se amosa na Casa Museo de Rosalía (Padrón) e na de Otero Pedrayo (Ourense), nas coleccións de Caixa Galicia e Novacaixagalicia, na Universidade de Santiago, no Parlamento Galego, no Ministerio de Sanidade e no Congreso dos Deputados (Madrid).
Na actualidade compaxina os seus traballos e colaboracións como debuxante, pintor e xornalista coa presidencia do Club de Prensa de Ferrol.