Comezan as escolas, cursiños e obradoiros culturais do Concello de Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Comezan as escolas, cursiños e obradoiros culturais do Concello de Fene

As escolas municipais de solfexo e piano comezarán a súa actividade o vindeiro martes ás 17.00 horas na Casa da Cultura. A de guitarra “iniciación” principiará o mesmo día ás 16.30 horas no CPI A Xunqueira, namentres que os dous grupos de guitarra “perfeccionamento” arrincarán o xoves 15 de outubro ás 16.30 e 17.30 horas, respectivamente.  
Tamén comezan o martes 13 na aula de informática municipal (Avda. Naturais, 44, entresollado) os cursos de “Introducción a Internet” (nivel básico), ás 17.00 horas, e o de “Redes sociais para principiantes”, ás 19.00 horas.  No Museo do Humor, celebrarase ese mesmo día a partir das 18.30 horas a primeira sesión do obradoiro “Licenza para rir” (grupo de continuidade).
No que atinxe ás escolas municipais de idiomas, a Concellería de Cultura e Ensino informa de que o obradoiro “Falamos en inglés” (para persoas de 14 anos en diante) comezará na Aula de Cursos do Departamento de Cultura (Avda. Naturais, 33, entresollado) o venres 16 de outubro ás 17.00 horas, e o de “Xogamos co inglés”, (dirixido a estudantado do último ciclo de educación infantil até o último curso de educación primaria), o sábado 17 de outubro ás 11.30 horas nesta mesma instalación.
Pola súa banda, no local da AAVV de Magalofes comezarán a quentar os fogóns o venres 16 de outubro porque comeza nesa xornada, ás 18.00 horas, o obradoiro de “Cociña para vag@s”.    
A oferta de escolas, cursiños e obradoiros culturais municipais do Concello de Fene complétase este ano co obradoiro de Fotografía que principiará na aula de cursos do Departamento de Cultura o martes 20 de outubro ás 18 horas, e co curso de “Introducción a Internet” (nivel avanzado), cuxa data de inicio fixouse para o próximo 3 de novembro ás 17 horas na mesma aula de informática municipal.
Segundo informan dende o Departamento de Cultura do Concello de Fene, os alumnos/as das escolas, obradoiros e cursiños municipais de Fene incorporaranse nos días da semana, horas e instalacións fixadas para cada actividade.