CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
O debuxante Manuel Arriaga acada o segundo premio do Certame "Curuxa do Humor"
09-10-2015
Á hora de outorgar o 2º premio do XVIII certame “Curuxa do Humor”, o xurado valorou a temática escollida polo autor, Manuel Arriaga de León, “a condena da guerra en clave de humor, cun razoamento incuestionable: o absurdo da guerra e o feito de seren sempre (as guerras) contrarias aos intereses populares”. A nivel técnico, segundo o xurado, trátase dunha ilustración que segue a tradición do cartoon americano.O xurado do XVIII premio “Curuxa do Humor” estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, o xestor de actividades culturais do Concello, Daniel Romero, e os humoristas gráficos Siro López, David Pintor e Andrés Meixide.
Segundo informa a Concellería de Cultura e Ensino, o premio para o autor da obra premiada consistirá nunha gratificación ecónomica de 1.500 euros e diploma. O acto de entrega do mesmo terá lugar o venres 6 de novembro ás 20 horas nas instalacións do Museo do Humor de Fene e en presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, e da Concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García Balado. Nesa mesma xornada, amais da entrega galardón ao autor premiado este ano, comezará no museo fenés o ciclo “Novembro Mes do Humor”.
O Premio Curuxa do Humor é un certame que o Museo do Humor de Fene organizou de xeito ininterrompido e cunha periodicidade anual dende a súa fundación, en 1984, ata o ano 2007 e que o Concello de Fene recuperou no ano 2014 con motivo da conmemoración do seu 30º aniversario. O certame naceu co obxectivo de premiar aos mellores humoristas gráficos do país e, coa súa recuperación, a Concellería de Cultura e Ensino pretende outorgar ao Museo do Humor unha maior proxección pública, tanto en Galicia coma no resto de España.
Vinte orixinais se presentaron a esta convocatoria dos premios Curuxa. A procedencia dos mesmos foi moi variada, remitíndose dende cidades e vilas tan dispares como Fene, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Zaragoza, Sevilla, Picassent (Valencia), Alicante, Arrigorriaga (Vizcaya), Barcelona ou Azuqueca de Henares (Guadalajara).