Os centros escolares e as sociedades de Fene xa poden solicitar unha visita guiada á exposición de Ibañez

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Os centros escolares e as sociedades de Fene xa poden solicitar unha visita guiada á exposición de Ibañez

 
Para as visitas escolares á exposición “Francisco Ibañez, el Mago del Humor”, o transporte de ida e volta dende os colexios ou institutos ao Museo do Humor de Fene correrá a conta dos propios centros. Ademais, os/as alumnos/as deberán estar acompañados en todo momento por mestres e/ou titores durante o percorrido (que durará entre unha hora e hora e media).  A idade recomendada para as visitas escolares a esta mostra é de 8 a 16 anos, aínda que aos máis pequenos tamén lles gustará porque é unha exposición moi atractiva visualmente.
A mostra “Francisco Ibañez, el Mago del Humor” inaugurarase no Museo do Humor de Fene o venres 27 de novembro. Aínda que o período de exposición da mesma alongarase ata finais do mes de xaneiro de 2016, a efectos organizativos, dende o Museo do Humor recomendase aos centros escolares ou asociacións programar as súas visitas en días laborables e en horario de mañá, do 9 ao 18 de decembro ou do 11 ao 22 de xaneiro. As datas/horarios de visita asignaranse por rigorosa orde de solicitude.
SOBRE A EXPOSICIÓN
A exposición “Francisco Ibañez, el Mago del Humor” pretende dar a coñecer ao visitante todos os matices que compoñen o icono que é hoxe Francisco Ibáñez no mundo do cómic no noso país. Neste senso, na mostra faise un repaso da biografía e unha análise da súa obra e dos seus personaxes principais (Mortadelo, Botones Sacarino, Rompetechos, Pepe Gotera…). Así mesmo, dase a coñecer o seu vencello coas editoriais nas que colaborou ao longo da súa carreira, a evolución do seu estilo e as súas técnicas, as súas motivacións e o contexto no que desenvolveu o seu traballo.
“Francisco Ibáñez, el Mago del Humor” é unha oportunidade única para o seu público, un público de todas as idades, composto por varias xeracións de españois. Algúns visitantes descubrirán por primeira vez aos seus personaxes, pero outros, os que aínda non perderon o fermoso costume de ler tebeos e non precisen re-descubrilos, poderán coñecer en profundidade ao autor das viñetas máis divertidas da historia do tebeo español.
A exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor” incluirá 130 revistas, dende os anos 50 ate a actualidade (a maior parte delas dos anos 60), 20 debuxos orixinais do autor e 250 elementos expositivos de diferentes tamaños.