CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
O "Novembro, Mes do Humor" comezou este venres no Museo do Humor de Fene coa actuación de Aldaolado
06-11-2015
Todalas sesión deste novo ciclo “Novembro, Mes do Humor” desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, agás a última función que será ás 21 horas. As entradas serán de balde aínda que, segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, para asistir a calquera dos espectáculos programados haberá que recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.“Sempre en Ibiza é o título do novo espectáculo poético de María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da súa torre de marfil. María Lado e Lucía Aldao seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como pretexto para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo. O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompañalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!”
En palabras de Diego Ameixeiras: “Aldaolado están a favor de rachar co estereotipo da poesía entendida coma alarde ximnástico de minorías ilustradas. Xogan libremente á desmitificación, incitan ao combate expresivo. Lado e Aldao son desas poetas a ras de chan que disparan versos para cantar victoria entre os entullos, para que unha se convenza de que esa noite debe chegar o máis tarde posible á casa. Desas poetas que prescriben medicación entusiasta para continuar en malos chanzos, desas poetas que nos obrigan a saír fóra dunha vez e sentir algo semellante á emoción do dianteiro suplente que marca o gol decisivo”.
Trala función deste venres, que coincide coa apertura da exposición e a entrega do premio “Curuxa do Humor”, ao longo das vindeiras semanas pasarán polo Museo do Humor de Fene, no marco do ciclo “Novembro, Mes do Humor”, os/as actores/actrices e humoristas Luís Zahera (“Chungo”), Camila Bossa e Iolanda Muíños (“Malos hábitos”) e Cándido Pazó (“Qué cousas!”).