O Concello de Fene e a sociedade de Agarimo organizan unha andaina nocturna coa Santa Compaña por Sillobre

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O Concello de Fene e a sociedade de Agarimo organizan unha andaina nocturna coa Santa Compaña por Sillobre

A andaina partirá do local social de Agarimo o sábado 21 de novembro ás 20.30 horas. Os camiñantes, acompañados pola Santa Compaña, percorrerán a rúa Mestre Lois R. Calvo, subirán polo Camiño do Picoto ata a Pallota e, dende alí, dirixiranse cara o camiño antigo que vai ao cortalumes en dirección a Marraxón. Seguidamente, subirán ao Coto do Rei e baixarán polo camiño vello que sae a Buio para dirixirse, finalmente, ao adro parroquial de Sillobre, onde rematará a andaina.
Segundo informa a Concellería de Cultura e Ensino, o percorrido –de aproximadamente 6 km.- será de dificultade baixa e durará en torno ás dúas horas e media. Os participantes deberán traer lanterna e roupa reflectante e os menores deberán vir acompañados dalgún adulto. Ademais, en caso de choiva, realizarase un roteiro alternativo.