CONCELLERÍA DE BENESTAR E IGUALDADE
Actividades mes de novembro contra a violencia machista en prol da igualdade
12-11-2015
Durante a segunda mitade do mes de novembro lucirá unha PANCARTA na porta da casa do concello manifestando o rexeitamento de fene CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA xunto a un MURAL elaborado polo alumnado do IES Fene cos datos estadísticos das MULLERES ASASINADAS por violencia machista neste ano 2015Haberá unha vela acesa e unha flor malva por cada muller asasinada no que levamos de ano, xunto a un recordatorio da vítima e dos fillos e fillas vítimas tamén da violencia machista.
16 DE NOVEMBRO, LUNS: TEATRO CON PERSPECTIVA DE XÉNERO PARA O ALUMNADO DE BACHARELATO e DE 4º DA ESO DO IES FENE
REPRESENTACIÓN DA OBRA “AS FILLAS BRAVAS” DO GRUPO CHÉVERE TEATRO: As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero. Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.
As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.
A obra estará dirixida a rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos, alumnado do IES FENE. Terá lugar o vindeiro luns 16 de novembro no salón de actos do propio IES.
17 DE NOVEMBRO, MARTES: OBRADOIROS DE RECICLAXE DE XÉNERO. Creados para traballar co alumnado a temática abordada na obra de teatro.
As áreas de intervención que se van traballar son:
Empoderamento
Roles e estereotipos de xénero.
Violencia de xénero.
Coeducación afectivo- sexual/ sexualidade.
Indirectamente e de forma transversal incluiranse contidos noutras materias relacionadas:
- Conciliación familiar
- Redes sociais e novos procesos de comunicación
- Hábitos de esparexemento e ocio
- Influencia das series de televisión, cine e música
O contido dos obradoiros está dirixido a proporcionar valores sociais e de igualdade, a través da participación activa, reflexión e debate do alumnado a través das historias de vida que se achegan e que permiten “espertar” sensacións, emocións e sentimentos que posteriormente levan á reflexión individual.
Os obradoiros contan tamén cunha unidade didáctica destinada ao persoal docente do centro. Contén diferentes actividades que foron deseñadas e elaboradas para este proxecto e que están clasificadas segundo temática e grupos de idade. Estas actividades permiten que o profesorado se converta en axente de cambio asumindo a sensibilización e modificación da identidade de xénero. Conta tamén cun apartado co material de apoio adicional para poder utilizar como referencia e así incluír o principio de igualdade de oportunidades na súa propia programación.
Todos os materiais e recursos que se facilitan ao profesorado, pretenden ser un complemento de traballo nas áreas que fundamentan a obra: a igualdade, a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia machista (libros, artigos, vídeos, músicas, planes de igualdade, webs, blogs, etc.), ademais de propoñer e describir unha serie de actividades para desenvolver nas aulas.
Coordina a actividade: psicóloga do Servizo Municipal de Atención á Muller.Máis Información:
Servizo Municipal de Atención á Muller
Centro Municipal de Servizos Sociais
Av do Mar, Bloque 1-Baixo – San Valentín
Teléfonos: 981 34 26 07 // 981 49 37 06
servizos.sociais@fene.gal - www.fenecidadan.gal
HAI SAÍDA Á VIOLENCIA DE XÉNERO
016
(Teléfono de balde – Non deixa rastro na factura)