Acto 25N. "Día Mundial pola Eliminación da Violencia contra a Muller"

CONCELLERÍA DE BENESTAR E IGUALDADE

Acto 25N. "Día Mundial pola Eliminación da Violencia contra a Muller"

Co obxectivo de tecer máis conciencia social para erradicar estes feitos, é importante que a cidadanía de Fene  faga visible o seu compromiso e acuda a este acto do 25 N.
O alumnado de Primaria e Secundaria do CEIP Centieiras, CPI A Xunqueira e Colexio Jorge Juan, poñerá voz a poemas de Mariola Hermida e Eva Veiga, entre outras, manifestando asi o seu rexeitamento á violencia de xénero e o seu compromiso en prol da igualdade.
Na porta da Casa do Concello, baixo a pancarta contra a violencia machista haberá un mural realizado polo alumnado de secundaria do IES de Fene, onde figurará un gran mapa de España co número de mulleres asasinadas por comunidade autónoma no que levamos de ano e, ao carón, unha lista cos nomes e a procedencia de cada unha delas. Aos pes, unha vela acesa en lembranza de cada unha das mulleres asasinadas no 2015, visibilizando así a cára máis terrible da violencia de xénero. Con este xesto simbólico preténdese sensibilizar á cidadanía e promover o compromiso de toda a poboación á hora de denunciar e visibilizar ás posibles situacións de violencia machista que detectemos no noso entorno máis cercano.
A data de hoxe, son xa 49 mulleres asasinadas a mans das súas parellas e/ou ex parellas, 8 menores asasinadas na súa maioría polo seu propio pai, e 42 menores en situación de orfandade, todos e todas eles vítimas da violencia machista en España. Na nosa comunidade foron asasinadas este ano 6 mulleres e 2 fillas de 4 e 9 anos.
A pancarta permanecerá exposta durante todo o resto do mes de novembro como mostra do compromiso por parte da Concellaría de Benestar Social e Igualdade en particular, e de todo o concello en xeral, na loita contra todo tipo de discriminación por razón de xénero e pola erradicación da violencia cara ás mulleres.