Manifesto da Corporación Municipal no día Mundial pola eliminación da violencia contra a muller

CORPORACIÓN MUNICIPAL

Manifesto da Corporación Municipal no día Mundial pola eliminación da violencia contra a muller

Tivo que pasar case dúas décadas para que no ano 1999 a ONU dera carácter oficial á dita data que nos reúne cada 25 de novembro conmemorando este día para Chamar a atención e xerar concienciación de que a violencia contra a muller é unha das formas de violencia máis estendida no mundo e de especial crueldade xa que se ceba sobre quen máis se ocupan de coidar a vida das persoas.
As estatísticas oficiais en España sobre violencia de xénero do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade poñen de relevo que nos derradeiros 15 anos foron asasinadas en España 1.028 mulleres, que no caso de Galicia representan a 56 mulleres que perderon a súa vida a mans das súas parellas ou ex parellas. No tempo máis próximo, neste 2015, xa foron 48 as mulleres asasinadas en toda España, das cales 6 o foron en Galicia.
Desde hai xa unha década, en concreto desde o 28 de xaneiro de 2004, a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero  supuxo un revulsivo respecto da violencia de xénero en todos os seus aspectos e consolidouse como un modelo a seguir no ámbito internacional. Esta lei amplamente recoñecida establece un sólido e completo marco legal para a prevención, protección, persecución e castigo da violencia por parte do compañeiro ou ex compañeiro sentimental da muller. Mais é hora xa de consolidar un gran Acordo entre todas as forzas políticas do estado contra a violencia de xénero.
A nosa é unha sociedade avanzada e isto esixe camiñar cara a unha sociedade segura e libre de violencia de xénero, que garanta unha resposta efectiva ás mulleres que sofren violencia así como aos seus fillos e fillas xerando e ofrecendo os mecanismos necesarios para conseguilo.
Hai que dotar suficientemente as partidas orzamentarias, que se viñeron recortando nos últimos anos, especialmente os recursos destinados á prevención e á asistencia social das vítimas de violencia de xénero, dependentes tanto das Comunidades Autónomas, como dos servizos de proximidade dos concellos. Recursos que tamén cremos necesario que aumenten nos servizos máis próximos polo que é importante crear un fondo de apoio aos concellos que alcance progresivamente nun curto prazo  de tempo os 100 millóns de euros para dar reforzo á rede de servizos públicos, impulsando o papel que desempeñan e deben seguir desempeñando os servizos de Benestar Social e Igualdade e os Centros de Información da Muller dos concellos.
Mais ademais dos orzamentos, un dos maiores problemas aos que nos enfrontamos nestes momentos na loita contra a violencia de xénero está relacionado coa xustiza. O número de denuncias é insuficiente. Todos os estudos indican que só se denuncia aproximadamente o 30% da violencia de xénero polo que o 70% queda impune. Temos que loitar contra esa impunidade e temos que conseguir que as vítimas teñan confianza na xustiza, que estean protexidas e que non teman perder aos seus fillos e fillas, que non teman saír elas denunciadas e que non teman comezar un periplo sen saída nin final.
Por iso no Acordo que propoñemos, subliñamos a necesidade de poñer en marcha nos Xulgados Especializados en Violencia de Xénero o Acompañamento Xudicial Personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero sobre o itinerario e procedemento máis seguro no seu percorrido xudicial, desde o momento no que poñen a denuncia ata o final do proceso. Así tamén é importante o establecemento de protocolos de intervención específicos para a atención integral ás mulleres que retiraron a denuncia por violencia de xénero. Fai falta moito valor, moito coraxe para saír da violencia, para denunciar ao maltratador, para facerlle fronte, e por tanto cada retirada dunha denuncia é un fracaso da xustiza.
A educación debe ser outra das nosas preocupacións. Si non rompemos os ciclos, a violencia de xénero pasará de xeración en xeración polo que é materia do Acordo tanto o Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero como o Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero e especialmente a incorporación ao currículo en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo sexual e de prevención da violencia de xénero.
Ante esta violencia as mulleres e homes da corporación de Fene non queremos permanecer impasibles xa que entendemos e queremos por de manifesto que para nós a igualdade entre mulleres e homes é un principio fundamental. Queremos amosar neste día, e no resto dos días, que o noso compromiso contra a violencia de xénero é firme e  permanente.
Os grupos políticos que conforman a corporación de Fene estamos de acordo co Convenio do Consello de Europa sobre Prevención e Loita contra a Violencia contra a Muller e a Violencia Doméstica, e por tanto estamos convencidos de que chegou xa o tempo en que se debe ampliar a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para que estean recollidas todas as manifestacións de violencia de xénero e non só exclusivamente as que se producen en relacións de parella, como ocorre neste momento.
Consideramos preciso e urxente elaborar iniciativas que promovan a conciencia social e a educación na igualdade desde as idades máis temperás, mesmo xa desde a educación infantil xa que estas deben ser os eixes dunha sociedade que de verdade quere camiñar cara a erradicación da violencia de xénero nun futuro o máis próximo posible. 
 
 
Un ano máis, con este manifesto queremos lembrar a todas e cada unha das vítimas mortais da violencia de xénero de Galicia en particular e de toda España en xeneral. Mulleres con nomes e apelidos, con soños e ilusións, con vidas que foron truncadas por unha violencia cruel exercida, precisamente, pola persoa coa que un día decidiron compartir a súa vida. Tamén, a todos os menores, aos fillos e as fillas dos maltratadores, vítimas á súa vez desta violencia, vítimas mortais incluso, convertidas en último exercicio de vinganza contra as súas nais.
Por todo o exposto, o pleno do concello de Fene esixe que a violencia contra as mulleres sexa eliminada definitivamente das nosas vidas, das nosas cidades e de toda a sociedade, e para iso ve necesario adoptar os seguintes acordos:
1.- Centrar os seus esforzos e recursos económicos, materiais e humanos en consolidar a igualdade e a non violencia de xénero a través de Plans Anuais que teñan un reflexo específico nos Orzamentos municipais.
2.- Comprométese a abordar programas destinados á prevención, sensibilización e actuación contra a Violencia de Xénero e a favor da igualdade entre sexos; destinando unha partida orzamentaria para accións directas e estruturais.
3.- Instar a modificación da Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, para incluír todas as formas de violencia de xénero.
4.- Instar á comunidade educativa do noso concello a que redobren os seus esforzos no traballo na igualdade entre os sexos e na resolución pacífica dos conflitos como piares sobre os que se sustenta a erradicación da violencia de xénero.
5-. Dar traslado destes acordos e do manifesto a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, ao todos os grupos políticos do Parlamento Galego, á FEGAMP, ao tecido asociativo do concello, aos centros de ensino do concello e á veciñanza en xeral.