CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Máxia, contos e música na programación de Nadal do Concello de Fene
01-12-2015
O ciclo inclúe desta vez un percorrido do “Apalpador” por distintos centros escolares do Concello, o tradicional certame de panxoliñas, o festival de Nadal das escolas municipais de piano e solfexo e un concerto na igrexa vella de Maniños a cargo do grupo Entrelas. Tamén se anuncian sesións de contacontos e maxia na biblioteca municipal e visitas guiadas á exposición “Ibáñez, el Mago del Humor que se amosa no Museo do Humor. Ao remate das festas, o martes 5 de xaneiro, as SSMM os Reis Magos de Oriente recibirán a todos os nenos/as de Fene nunha carpa instalada na Praza do Concello.A SCRD Agarimo de Sillobre acollerá este sábado 5 de decembro, a partir das 20 horas, o concerto-presentación do terceiro disco de Daniel Bellón e Diego Maceiras, un novo traballo titulado “Ten10” co que conmemoran o seu décimo aniversario como dúo. A entrada ao concerto de Bellón & Maceiras será de balde ata completar o aforo.
Do 9 ao 17 de decembro, o Apalpador percorrerá os colexios de Fene no marco da actividade “Coñecendo ao Apalpador” que pasará por Centieiras (9 de decembro), A Xunqueira (11 de decembro), Os Casais (14 de decembro), Ceip Sillobre (15 de decembro), Jorge Juan (16 de decembro) e Ceip O Ramo (17 de decembro). “Coñecendo ao Apalpador” é unha sesión de contacontos na que a través de Antón, os nenos/as feneses descubrirán esta figura galega, un xigante carboeiro que baixa das devesas. Ao final da sesión o propio Apalpador visitará aos pequenos, repartindo caramelos, namentres soa música e cantigas tradicionais do Nadal. O ciclo de Nadal do Concello de Fene continuará o sábado 19 de decembro co tradicional certame de Panxoliñas, que comezará ás 20 horas na Igrxa auxiliar San Estevo de Perlío. Tomarán parte nesta ocasión o Tradicoro (Airiños de Fene), a coral polifónica de San Valentín, a coral Eterna Xuventude, a coral polifónica de Agarimo, a coral polifónica do Pote e as rondallas Estrelecer e Perla do Río.
Coincidindo co comezo das vacacións escolares, coincidindo co comezo das vacacións escolares, o luns 21 de decembro, abrirá ao público na sala de Banda Deseñada do Museo do Humor de Fene (no 3º andar da Casa da Cultura) a exposición “Mulleres no cómic. Unha visión feminina do noveno arte”. A mostra, de Tucutucu Produccións Culturais, componse de 50 obras gráficas de 27 autoras de distintas nacionalidades co obxectivo de achegar ao público “outras formas de visibilidade e de interpretación da realidade das mulleres”.
Tamén o luns 21 de decembro, a Biblioteca Municipal de Fene acollerá ás 12 horas unha sesión de contacontos a cargo do grupo “Lisístrata A.C”. Nesta función, titulada “Un Nadal cheo de contos”, os/as pequenos/as cantarán panxoliñas e escoitarán historias que falan do sentido destas datas que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… Escoitarán contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis e de cousas imaxinadas que, seguramente, algún día serán realidade.”
Nesa mesma xornada, celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene o Festival de Nadal das escolas municipais de piano, guitarra e solfexo. O recital comezará ás 17 horas.
As actividades organizadas pola Concellería de Cultura e Ensino continuarán o martes, 22 de decembro, ás 12 h. no salón de actos da Casa da Cultura, cunha representación de “A caixiña máxica”. Trátase dunha sesión de conto teatralizado e monicreques a cargo de Fanfarra de soños, A.C. En “A caixiña máxica, dous viaxeiros coinciden nunha estación de tren durante a súa viaxe. As súas vidas están condicionadas polas historias que atopan alí onde van e, nesta ocasión, descubrirán que teñen moito en común porque a súa misión no mundo é recoller historias. Nunha realidade que se mestura coa fantasía, os dous viaxeiros compartirán algúns dos seus contos mentres agardan a que chegue o próximo tren”.
Os contos darán paso á máxia na xornada do mércores 23 de decembro. Ese día, ás 12 horas, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Por arte de maxia”, a cargo da A.C. Titana. Ese mesmo día, ás 20 horas, celebrarase na igrexa vella de Maniños o concerto de Nadal, un recital a capella protagonizado desta vez polo grupo vocal formado por mulleres “Entrelas”.
A programación cultural de Nadal do Concello de Fene continuará o luns 28 de decembro cun espectáculo de maxia e música, “Acordes de ilusión”, protagonizado polo mago Martín Camiña e polo músico Álvaro Muras.
E xa para pechar o ciclo, o martes 5 de xaneiro celebrarase na Praza do Concello de Fene a partir das 18 horas a tradicional recepción das SS.MM. os Reis Magos de Oriente a todos os nenos/as de Fene, evento para o que se anunciará próximamente un programa específico.
Dende a concellería de Cultura e Ensino lémbrase tamén que ao longo dos meses de decembro´15 e xaneiro´16 amósase no Museo do Humor de Fene a exposición “Ibañez, el Mago del Humor” coa posibilidade de concertar visitas guiadas para grupos (consultar datas e horarios dispoñibles no enderezo electrónico museodohumor@gmail.com ou no teléfono 981 34 24 00, chamando de luns a venres de 8.00 a 14.30 horas).
Para visitas por libre, o horario de apertura da exposición é de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. De todos os xeitos, para o Nadal anúnciase un horario especial, de luns a venres, de 10 a 14,15 horas e de 17 a 21 horas, agás os días 24 e 31 de decembro e todos os festivos, nos que a sala de exposicións permanecerá pechada ao público).
Ademais, as persoas que visiten a exposición poderán participar no concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”, un certame de artes plásticas dirixido tanto a nenos como a adultos. Os/as participantes deberán presentar unha composición plástica orixinal na que aparezan os populares personaxes de Ibáñez nunha paisaxe recoñecible do Concello de Fene (por exemplo, a Praza do Concello, a grúa pórtico de Astano, a praia de Almieiras, a Fervenza, a Praza Verde.....). As bases e o formulario de inscrición para o concurso pódense recoller na conserxería da Casa da Cultura de Fene ou descargar tanto da páxina web municipal coma do facebook do Museo do Humor.