O vindeiro mércores 9 de decembro abre o prazo para apuntarse nas actividades deportivas do nadal

CONCELLERÍA DE DEPORTES

O vindeiro mércores 9 de decembro abre o prazo para apuntarse nas actividades deportivas do nadal

Ximnasia artística, baile moderno, atletismo, fútbol sala, patinaxe, piscina ou deportes de raqueta. Son algunhas das disciplinas deportivas que cobrarán protagonismo este Nadal no Concello de Fene. A concellería de Deportes anuncia que o vindeiro mércores, 9 de decembro, abre o prazo de inscrición para todas aquelas actividades que o precisen (cursiños de Nadal e campamento urbano, agás os xogos acuáticos en familia que non precisan inscrición previa e as actividades puntuais que se rexerán polo seu calendario).
Coa II Exhibición de Ximnasia Artística de Nadal comezará o venres 18 de decembro o ciclo de actividades deportivas que organiza a Concellería de Deportes para estas festas. Este primeiro evento celebrarase no Pavillón do Ramo (Barallobre), de 18.00 a 20.30 horas. Ao día seguinte, o sábado 19 de decembro, o Pavillón da Xunqueira (San Valentín) acollerá a V Exhibición de Baile Moderno e Bailes de Salón entre as 17.00 e as 20.00 horas. Ámbas as dúas actividades serán de acceso libre e gratuíto.
Co comezo das vacacións escolares para os nenos/as, principiarán tamén os cursiños deportivos de Nadal do Concello de Fene. Dende a Concellería de Deportes anúnciase para o luns 21 de decembro o arranque do “Campamento lúdico deportivo de Nadal “As aventuras de Romualdo” (precisa inscrición previa) no Pavillón da Xunqueira. Trátase dun campamento orientado aos máis pequenos, nenos/as de 3 a 8 anos, no que realizarán un montón de actividades variadas: xogos, teatro, multideporte, baile, música,  art attack,..  con contos cheos de maxia, con  historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, compartan, aprendan e gocen do Nadal. O campamento terá unha duración de 7 días (21, 22, 23, 28, 29, 30 de decembro e 4 de xaneiro) e o horario será de 10.00 a 13.00 horas. O custe da actividade ascende a 15,70 €/neno-a e o número de prazas é limitado (25).
O mesmo luns 21 de decembro, comezarán tamén na Xunqueira os cursiños de patinaxe para nenos e adultos e de deportes de raqueta. Ambas as dúas actividades precisan inscrición previa e terán un custe de 6,25 €/persoa.
As clases de patinaxe, dirixidas a adultos e nenos/as maiores de 4 anos, terán unha duración dunha hora (de 10.30 a 11.30 horas) e desenvolveranse os días 21, 22, 28, 29, 30 de decembro e 4 de xaneiro. Número de prazas limitado (30).O cursiño de deportes de raqueta -dirixido a persoas maiores de 4 anos- desenvolverase nas mesmas datas que o de patinaxe aínda que neste caso o horario será de 12.00 a 13.00 horas e o número de prazas ascende a 24.
A oferta de obradoiros de Nadal do Concello de Fene compleméntase este ano cunha nova edición dos “Xogos acuáticos en familia” na Piscina Municipal de Centieiras. Con esta actividade, o Concello de Fene oferta a nenos e nenas  a posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o material da propia instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por un adulto (no caso de  irmáns, pode ser máis dun neno/a acompañados polo mesmo adulto). Así, dende o 21 de decembro de 2015 ao 5 de xaneiro de 2016, o Concello reservará tres rúas da piscina municipal para esta actividade, de 11:15 a 13:30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa. Abonda con  asistir e participar (aboando só a entrada do adulto que custa 3,25€), aínda que os usuarios poden facer reserva da rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre.
En vísperas do Nadal, celebrarase tamén un curso de defensa persoal (técnicas básicas) no ximnasio da Casa da Cultura. A actividade, dirixida a rapaces/as maiores de 12 anos e adultos, está orientada á aprendizaxe das nocións básicas para evitar ou repeler agresións mediante técnicas das artes marciais.  O cursiño desenvolverase en horario de mañá (10.00 a 13.00 horas) ou de tarde (16.30 a 19.30 horas) os días 22 e 23 de decembro. É gratuíto, precisa inscrición previa e as prazas son limitadas (30)
En canto ás actividades puntuais, o calendario programado pola Concellería de Deportes para as próximas festas contempla unha xornada de atletismo divertido para o mércores 23 de decembro. Desenvolverase no pavillón da Xunqueira de 11.00 a 13.00 horas e vai dirixida a nenos/as de 6 anos en diante. Actividade de acceso libre e gratuíto.
Tamén se anuncia para o sábado 26 de decembro no pavillón A Xunqueira, de 16.00 a 20.00 horas, o II Torneo de Fútbol Sala Feminino de Nadal. Dirixido a clubs femininos de fútbol sala, poderán participar ata 4 equipos.  Inscrición gratuíta.
Xa por último, a Concellería de Deportes está a organizar para o xoves 31 de decembro a tradicional Carreira Popular San Silvestre de Fene que se desenvolverá polas rúas do concello a partir das 16.00 horas. Terá un percorrido de, aproximadamente, 4 km. Tamén haberá unha andaina de 2 km e unha carreira para os máis pequenos, de 3 a 6 anos. Inscrición gratuíta para tod@s @s participantes, tanto das carreiras como da andaina.
Máis información sobre a programación deportiva do Nadal do Concello de Fene:
No pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín). Teléf.: 981.492.804
No departamento de Deportes do Concello de Fene. Teléf: 607 615 962 / 981 340 366
Na páxina web do concello: www.fenecidadan.gal
ORGANIZA: Concello de Fene
COLABORAN:
Club Artes Marciais Fene
Club Escola Ximnasia Ferrolterra
Club F.S. Feminino Ártabras Fene
Asociación Xuvenil Fene Movemento