CONCELLERÍA DE BENESTAR E IGUALDADE
Tí tamén contas
09-12-2015
A veciñanza reflexionará sobre a diversidade cultural, a paz ou os prexuízos coa obra da Tropa de Trapo e o Fondo Galego de CooperaciónAo longo deste ano esta compañia percorre máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre os que se atopa Fene. A proposta músico-teatral, no seu formato para público xuvenil e adulto con entrada de balde, na semana en que se conmemora o Día Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebra o xoves 10 de decembro.
Sensibilizar sobre a solidariedade internacional é o obxectivo das historias que se escoitarán sobre o escenario. Os contos ‘As mulleres de Torneiros’, ‘Liberia’ ou ‘Potlach’ introducen cuestións como a importancia dos pequenos retos na vida cotiá, as mulleres que se organizan rompendo tabús relixiosos para acadar a paz ou a diversidade de respostas que culturalmente se lle poden dar a un problema. de seguido, debaterase sobre a capacidade de acción para cambiar as cousas, a forza dos diferentes grupos sociais, a loita contra os prexuízos, o poder dos soños ou o valor da liberdade. Sempre a través de dinámicas activas e participativas que culminarán nunha escena de teatro-foro, técnica do teatro do oprimido na que se amosa un conflito e se representan as solucións do público.
‘Ti tamén contas’ é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e o Fondo Galego, despois do éxito colleitado desde o ano 2010 por ‘Contos coas mans abertas’ e por ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ nos municipios que integran esta rede. Marta Ortiz e Brais das Hortas son dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súas inquedanzas pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenas e nenos, mocidade e maiores coas súas diferentes iniciativas.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos, entre o que está Fene e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.Para calquera información dirixirse a:
CONCELLERÍA DE BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE
CENTRO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS
Avda. Do Mar, Bloque 1, Baixo- San Valentín
Teléfonos: 981.492.706 /981.342.607
Caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal