Nadal na BiBlioteca Municipal de Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Nadal na BiBlioteca Municipal de Fene

Nesta primeira función, dirixida a nenos/as de Infantil e Primaria, os/as pequenos/as cantarán panxoliñas e escoitarán historias que falan do sentido destas datas que ás veces son divertidas e outras sorprendentes. Tamén escoitarán contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis e de cousas imaxinadas “que, seguramente, algún día serán realidade.”
A segunda sesión deste ciclo de Nadal anúnciase para o martes 22 de decembro e consistirá na representación dun conto teatralizado con monicreques, “A caixiña máxica”, a cargo de Fanfarra de soños, A.C. Neste espectáculo, “dous viaxeiros coinciden nunha estación de tren durante a súa viaxe. As súas vidas están condicionadas polas historias que atopan alí onde van e, nesta ocasión, descobren que teñen moito en común porque a súa misión no mundo é recoller historias. Nunha realidade que se mestura coa fantasía, os dous viaxeiros compartirán algúns dos seus contos mentres agardan a que chegue o próximo tren”.
Os contos darán paso á máxia na xornada do mércores 23 de decembro. Ese día, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Por arte de maxia”, a cargo da A.C. Titania.
A programación cultural de Nadal na Biblioteca Municipal concluirá o luns 28 de decembro cun espectáculo de maxia e música titulado “Acordes de ilusión”, que correrá a cargo do mago Martín Camiña e do músico Álvaro Muras.
Todas as funcións comezarán ás 12.00 horas. Entrada libre e gratuíta.
MÚSICA NO NADAL DE FENE
Dende a concellería de Cultura e Ensino anuncianse tamén para os vindeiros días distintas actuacións e espectáculos musicais, comezando polo Festival de Panxoliñas que se celebrará este sábado 19 de decembro, a partir das 20 horas, na igrexa auxiliar de Perlío.
O luns 21 de decembro, o salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá o Festival de Nadal das Escolas Municipais de piano, guitarra e solfexo. O recital comezará ás 17 horas.
E xa por último, o mércores 23 de decembro ás 20 horas celebrarase na igrexa vella de Maniños o concerto de Nadal, protagonizado este ano polo grupo vocal formado por mulleres “Entrelas”.