CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
A Cabalgata dos Reis Magos rematará cunha grande festa infantil na Praza do Concello
04-01-2016
Como é tradición, as súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene este martes, 5 de xaneiro, para atender todas as peticións dos nenos e non tan nenos do municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo á invitación cursada pola Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Fene, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán á parroquia de Perlío (fronte á ferretería Aguilar) ao redor das seis da tarde e, a partir deste punto, iniciarán un percorrido pola Avenida Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida de Naturais. De alí, tomarán rumbo á Casa do Concello, onde serán recibidos polo alcalde, Juventino Trigo Rey. E, tamén alí, nunha carpa habilitada na praza atenderán aos nenos e nenas de Fene.No mesmo espazo, o Concello dispuxo tamén un buzón real para que os rapaces poidan depositar as súas cartas. A visita das súas Maxestades rematará cunha gran festa infantil deseñada pola Concellería de Cultura. A edil de área, Amalia García Balado, sinalou que está previsto un show infantil con La Guagua no que non faltarán as coreografías, as cancións de moda entre os nenos, os xogos musicais…