O Concello de Fene repartirá 6.500 euros entre as comparsas que participen no Entroido 2016

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O Concello de Fene repartirá 6.500 euros entre as comparsas que participen no Entroido 2016

Avanza a celebración dun obradoiro, para nenos e nenas, de “Cociña Entroideira” o luns 8 de febreiro ás 18:00 h, unha gran festa infantil o martes 9 de febreiro ás 17:30 e do desfile e festival de comparsas e baile para o mércores día 10.
Repartiranse 6.500 euros entre as comparsas que participen nos actos municipais organizados no marco do Entroido 2016. Neste sentido, a edil de área, Amalia García Balado, explicou que o acto central terá lugar o mércores 10 de febreiro, festivo local en Fene. A rúa Cádavo será o punto de encontro das comparsas participantes, que partirán en desfile polas principais vías do municipio para amenizar a festa coas súas letras, ironía e disfraces. O seu destino será a praza do Concello, onde terá lugar o Festival. E, a continuación, o Concello ten previsto un gran baile.
A concelleira de Cultura avanzou esta mañá que o prazo de inscrición para as comparsas abriuse hoxe mesmo, coa publicación na páxina web das bases que rexerán as axudas a aquelas que participen nos actos programados polo Concello. Un prazo que, engadiu, remata ás 14:00 do mércores, 3 de febreiro.
Para anotarse e optar ás subvencións, é preciso presentar a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres entre as 8,30 e as 14 horas ou os sábados de 9,30 a 13,30 horas. Ademais, deberán entregar copias das cancións no departamento municipal de Cultura.
Poderán participar nos actos e beneficiarse das axudas as asociacións ou entidades legalmente constituídas ou “grupos ocasionais” que cumpran as condicións fixadas nas bases. Haberá varias categorías: Comparsas de adultos (cun número superior de 15 integrantes maiores de 16 anos); Comparsas infantís (como no anterior, pero menores de 16 anos e aquelas persoas adultas que apoien á agrupación); Comparsas de Fene (asociación con domicilio no municipio ou naquela que, cun número superior ás 15 persoas maiores de 16 anos, o 50% dos integrantes sexan veciños de Fene). Así mesmo, as comparsas inscritas están obrigadas a repartir as letras das cancións entre o público para garantir o ambiente festivo e, estas, deben estar en galego.
Os 6.500 euros previstos polo Concello en concepto de axudas hanse distribuír do seguinte xeito: 2.000 € a partes iguais entre as comparsas de adultos de Fene; 500 € a partes iguais entre as comparsas infantís e os 4.000 restantes a partes iguais entre todas as comparsas de adultos participantes.
Unha xornada de Entroido que virá precedida do obradoiro de “Cociña Entroideira para nenos e nenas” que terá lugar o luns 8 de febreiro, a partir das 18:00 h,  na parroquia de Perlío en local a determinar; a festa infantil que, unha vez máis, organizará o Concello o día antes, martes 9 de febreiro. A partires das cinco e media do serán, e na mesma praza do Concello, os máis pequenos da casa poderán gozar da actuación de Dinamo, así como dunha degustación de lambetadas de Entroido para todos os participantes.