O alcalde de Fene e a inspectora de educación primeiros convidados no programa "Contamos" do Colexio Centieiras

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O alcalde de Fene e a inspectora de educación primeiros convidados no programa "Contamos" do Colexio Centieiras

A equipa directiva e o claustro do centro fenés impulsan esta actividade que terá continuidade ao longo de todo o curso
Neste inicio do programa “Contamos”, Juventino Trigo e Elena Urtiaga relatarán un conto ao alumnado de Educación Infantil na biblioteca de Centieiras para, posteriormente, realizar unha visita en profundidade polas instalacións do centro. Ao remate do percorrido, o alcalde de Fene e a inspectora de Educación, recibirán como agasallo pola súa colaboración uns lenzos pintados polo alumnado de 6º de Educación Infantil con referencias ao concello de Fene e ao CEIP Centieiras.
Segundo explican dende a dirección do colexio, “o CEIP Centieras de Fene é un centro educativo público con vocación de inserción real na comunidade”. Por este motivo “a equipa directiva está a impulsar iniciativas que potencien a apertura mesmo á comunidade educativa e o estreitamento de lazos coas distintas instancias de especial relevancia no desenvolvemento do proxecto educativo do colexio”. Neste contexto enmárcase o programa “Contamos” que comeza este venres pero que terá continuidade ao longo de todo o curso escolar “coa participación de representantes da Deputación Provincial, do Concello de Fene ou de asociacións e entidades de diferentes ámbitos do municipio”.