O goberno de Fene propón á Deputación varios proxectos de seguridade viaria en estradas provinciais.

GOBERNO MUNICIPAL

O goberno de Fene propón á Deputación varios proxectos de seguridade viaria en estradas provinciais.

A cita tivo como obxectivo facer entrega de expedientes, memorias e proxectos elaborados polo goberno municipal e considerados como de alto interese para o municipio, como é a habilitación dunha senda peonil na estrada da Armada (Maniños), outra en Magalofes desde a igrexa ao local social e unha máis desde os institutos de Barallobre e ata o cemiterio municipal. Isto permitiría o tránsito de peóns de xeito seguro nestas zonas, onde o paso a pé é moi frecuente. Ademais, na contorna dos institutos tamén se proxecta a mellora da seguridade viaria con nova sinalización lumínica e pasos de peóns elevados. O alcalde, Juventino Trigo, o tenente alcalde e concelleiro de servizos, Antón Noceda, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Viaria, Sandra Permuy, acompañaron a José Manuel Pequeño e aos técnicos nunha visita ás tres zonas, onde puideron comprobar de primeira man a necesidade de acometer estas obras. De feito, segundo declarou o alcalde “amosaron moi boa disposición e actitude activa de colaboración”. Polo tanto, Juventino Trigo agarda “que poidan comezar moi pronto con algunha destas obras, todas elas vellas demandas veciñais e moi necesarias para garantir a seguridade das persoas que camiñan por estes lugares”.
Estas obras, a realizar de xeito directo pola Deputación, completaranse cos plans provinciais, a executar polo Concello, que xa están a ser consensuados coas sociedades e listos para ser presentados e aprobados.
O goberno municipal ten os plans provinciais de 2015 executados e moi avanzado o proxecto para 2016.