Preséntanse os proxectos de elaboración de plans integrais de conservación de centros de ensino, parques infantís e instalacións culturais e deportivas

CONCELLERÍA DE OBRAS E SERVIZOS

Preséntanse os proxectos de elaboración de plans integrais de conservación de centros de ensino, parques infantís e instalacións culturais e deportivas

Na última xunta de delegados presentáronse os proxectos de elaboración de plans integrais de conservación de centros de ensino, parques infantís e instalacións culturais e deportivas, nos que o departamento xa está a traballar en coordinación coa Concellería de Educación e Cultura, e coa de Deportes.
O plan de centros de ensino será elaborado entre este mes e o próximo, e incluirá memorias valoradas das actuacións precisas para arranxar todas as deficiencias que presentan os colexios.
A falta de conservación é o motivo de que por parte da Concellería de Obras e Servizos se considere imprescindible a elaboración dun plan integral de reparación e homologación dos parques infantís. O departamento comezou xa a actuar neste sentido, destinando 42.914 euros do PAI Complementario 2015 ao arranxo das zonas de xogos de Ameneiral e Rosalía de Castro, en Perlío, Praza 10 de Marzo, en San Valentín, e Parque da Hortiña, en Limodre, eliminando deste xeito os riscos actuais para os nenos e as nenas. Esta primeira intervención completarase con ese plan integral que se acometerá de aquí ao final do mandato e que permitirá homologar os 20 parques existentes no municipio.
Polo que respecta ás instalacións culturais e deportivas, a Concellería de Obras e Servizos ten detectado problemas de goteiras ou de desprendementos nos baños do campo de fútbol, entre outros, pero a partir do mes de marzo elaborarase un informe completo de deficiencias que determinará a prioridade das actuacións. Para este ano, dentro do PAI Complementario 2015, e a proposta das asociacións veciñais, xa está previsto o arranxo da pista polideportiva de Magalofes.