CONCELLERÍA DE DEPORTES
O Concello de Fene acollerá este domingo o Campionato Galego de campo a través de veteráns e veteranas
01-03-2016
Hoxe, martes 1 de marzo ás 20.00 h pecha o prazo de inscrición para o “Campionato de Galicia de campo a través veterán que se celebrará este domingo no barrio fenés de San Valentín. Os/as atletas interesados en participar, poderán inscribirse aínda ata esa hora a través do sistema online habilitado na web da Real Federación Española de Atletismo. Segundo se establece no Regulamento da proba, poderán participar neste campionato os/as atletas federados que teñan fichado ao longo desta tempada por algún club galego, amais dos/as atletas que teñan ficha da Federación Galega de Atletismo (aínda que pertenzan a clubs doutras Comunidades Autónomas).Na presentación do evento, celebrada este mediodía no Concello de Fene, o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, amosou o seu desexo de “recuperar Fene para o atletismo”. Acompañado polo representante da Delegación de Ferrol da FGA, Paulino Cartelle, e polos directivos do Club de Atletismo Fene, Antonio Rodríguez (presidente) e Marcelino Rodriguez (vicepresidente), Bastida afirmou que “nesta nova época temos intención de ofrecernos voluntarios para todo tipo de competicións que nos poida conceder a Federación Galega de Atletismo”. O edil lembrou que “Fene ten historia no mundo do atletismo, non en van, a mediados dos anos 80, celebrouse en Belelle un dos Campionatos de España de Cross”.
O I Campionato Galego de campo a través de veteráns “Concello de Fene” comezará este domingo ás 11 da mañá. A proba desenvolverase nun circuito de 1.200 metros, habilitado nunha zona verde próxima ao paseo marítimo de San Valentín. Segundo explicou o vicepresidente do Club de Atletismo Fene, Marcelo Rodríguez, “trátase dun cirtuito chan aínda que conta cunha zona (a que transcorre paralela á praia) que, seguramente, resultará algo máis pesada para os corredores pola cantidade de lama que ten”.
En canto ao número de corredores/as que poderían tomar parte no evento, o representante da delegación de Ferrol da FGA, Paulino Cartelle, afirmou que “a participación estimada ronda os 300 corredores/as”. Entre os/as atletas que transmitiron o seu desexo de participar na proba, salientan nomes como Hassan Lekhili, Akka Essadaoui, José Luis Bouza, Rafa Fuentes, José González Bañobre ou as atletas Esther Pedrosa e Soledad Castro.
REGULAMENTO
O I Campionato Galego de campo a través de veteráns “Concello de Fene” contempla un total de 22 categorías a nivel individual (11 masculinas e 11 femininas). Para atletas homes, as categorías previstas abranguen dende a M-35 (para corredores de 35 a 39 anos) ata a M-85 (para atletas de 85 anos en diante). O mesmo que para as atletas mulleres, que poderán inscribirse en calquera das categorías previstas, dende a F-35 (de 35 a 39 anos) ata a F-85 (para corredoras de 85 anos en diante).
Por equipos, o regulamento establece dúas categorías para atletas homes: a M-35/M-40 (de 35 a 44 anos) e a M-45 (de 45 anos en diante); e unha para atletas mulleres, a F-35 (para corredoras de 35 anos en diante). En primeiro lugar sairán a pista as atletas veteranas (de 35 anos en diante), que deberán realizar un percorrido de 5.300 metros. Ao redor das 11.35 horas, situaranse na liña de saída os atletas veteráns das categorías M35 e M40 para iniciar unha carreira de, aproximadamente, 7.300 metros. E, por último, correrán os atletas veteráns das categorías M45 e seguintes, cun percorrido de 5.300 metros.
Os delegados oficiais dos Clubes ou os propios atletas (no caso das inscripcións individuais) poderán retirar os seus dorsais na secretaría da competición ata 45 minutos antes da saída de cada proba. Tamén se establece que a orde de colocación dos equipos participantes na saída realizarase por sorteo. Cada club terá dereito a formar un só equipo por proba e deberá realizar a inscrición como tal.
En canto ao desenvolvemento da proba, realizarase unha clasificación individual e outra por equipos (a clasificación por equipos farase en cada unha das tres carreiras programadas). Para realizar a clasificación por equipos, sumaranse os postos obtidos polos tres primeiros atletas en cada carreira, resultando gañador o equipo que menos puntos obteña. En caso de empate, clasificarase en primeiro lugar o equipo no cal o seu 3º atleta quedase diante.
Entregaranse medallas ós tres primeiros atletas clasificados a nivel individual así coma trofeos aos tres primeiros equipos.
Organizan: Concellería de Deportes do Concello de Fene e delegación ferrolá da Federación Galega de Atletismo.
Colaboran: Club de Atletismo Fene, Sedega, Coca cola e Abanca.