Xornadas de "Atletismo divertido" escolar

CONCELLERÍA DE DEPORTES

Xornadas de "Atletismo divertido" escolar

O encontro, previsto para o xoves e venres desta semana (en horario de 10 a 13 horas), desenvolverase no campo de fútbol dos Pinares (Perlío) ou, en caso de choiva, no pavillón polideportivo da Xunqueira. O primeiro día, o xoves 17 de marzo, tomarán parte na actividade os alumnos/as dos colexios Jorge Juan, Ceip Os Casais e Ceip O Ramo, namentres que o segundo, o venres 18, serán atletas por un día os alumnos/as do Ceip Centieiras e do CPI A Xunqueira. O “Atletismo Divertido” é unha actividade lúdica coa que se pretende que os nenos/as coñezan de xeito práctico as diferentes modalidades deste deporte (carreiras, lanzamentos, saltos...) Neste senso, ao longo da xornada realízanse diversas probas nun circuíto continuo que permite que os/as participantes vaian pasando, de xeito simultáneo, polas diferentes actividades. Segundo informan dende a Concellería de Deportes, no “Atletismo Divertido” non se toman anotacións das diferentes marcas ou tempos realizados, para que o alumnado perciba a actividade de xeito lúdico e non competitivo.