CONCELLERÍA DE IGUALDADE E BENESTAR
O concelleiro de Benestar Social participa na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación
17-03-2016
Representantes das deputacións e concellos socios do Fondo Galego están chamados a participar nesta primeira Asemblea convocada pola nova Comisión Executiva, que se renovou tras as eleccións locais. O presidente, Juan González, abrirá a sesión expoñendo o informe de situación da entidade, para pasar logo á aprobación do balance económico de 2015. Darase conta a seguir das últimas altas e baixas de socios e, para rematar, presentarase tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio.‘O municipalismo galego, aberto a cooperar’ é o título do Plan de actividades 2016, que inclúe accións de fortalecemento do Fondo Galego, de sensibilización social fronte as desigualdades, de proxectos de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións asociadas, reeditar o concurso fotográfico Imaxes con Fondo, intensificar o traballo en Mozambique ou identificar programas de cooperación son algunhas das actuacións previstas, ao abeiro das Liñas Estratéxicas 2016-2019.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 84 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.