CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
O Concello de Fene súmase á campaña da "Hora do Planeta"
17-03-2016
A “Hora do Planeta” é unha campaña da WWF que empezou no ano 2007 en Sidnei, Austraia, como un xesto simbólico de loita contra o cambio climático. Dez anos despois converteuse na maior campaña de mobilización ambiental da historia. Unha expresión multitudinaria do sentir de millóns de persoas que piden a implicación comprometida de todos e todas fronte ao cambio climático, a meirande ameza ambientan á que nos enfrontamos.Durante o 2015 amosouse o poder de mobilización da cidadanía, lanzándose masivamente ás rúas de centos de cidades de todo o mundo para esixir un acordo ambicioso no Cumio de París. O conseguido en París é esperanzador pero é só o principio.
Coma todos os anos, neste 2016 a WWF fixo un chamamento ás administracións públicas e á cidadanía en xeral para que o vindeiro sábado, 19 de marzo, apaguen as luces en edificios públicos relevantes e nos domicilios particulares entre as 20:30 e as 21:30 h.
O Concello de Fene, a través da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Mariela Aguilar, subscribiu a carta de adhesión á chamada da WWF comprometéndose a apagar as luces exteriores da Casa da Cultura o sábado 19 entre as 20:30 e as 21:30 h. e a facer un chamamento á veciñanza para que secunde esta iniciativa.
A día de hoxe xa hai 10.811 adhesións á chamada da WWF. En Galicia, ademais do Concello de Fene, participan nesta iniciativa os concellos de Carballo, A Coruña, Miño, Oleiros e Santiago de Compostela.