CONCELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
O programa "Adeus ríos/adeus fontes" pecharase cunha plantación de árbores autóctonas
22-03-2016
Consistirá na plantación de árbores autóctonas e na lectura de poemas (1 por colexio). Ao comezo da xornada, o alcalde de Fene dará a benvida aos/ás participantes e o técnico responsable da plantación informará aos/as participantes sobre o desenvolvemento da xornada. A continuación, os/as nenos/as -acompañados polo/s profesores/as e monitores/as- dirixiranse en grupos aos lugares asignados previamente para comezar a plantación que se completará, ao remate, cun recital poético. Pechará o acto a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar.Cinco centros escolares do municipio -o CPI A Xunqueira, o CPR Jorge Juan e os Ceip de Centieiras, O Ramo e Os Casais- participarán nesta derradeira xornada de “Adeus ríos, adeus fontes”, programa co que se pretende “conmemorar, de xeito transversal e interrelacionado, o Día Forestal Mundial (21 de marzo), o Día Mundial da Poesía (21 de marzo) e o Día Mundial da Auga (22 de marzo)”. Para o desenvolvemento desta actividade, contarase coa colaboración de persoal municipal, profesorado, 14 monitores/as contratados e voluntarios/as de protección civil.
Segundo informa a edil de Medio Ambiente, o alumnado e profesorado participante recibirá unha camiseta conmemorativa da xornada, serigrafiada cunha ilustración do debuxante Alfonso Manuel Philiphot (fondos do Museo do Humor).
Pór de relevo o valor das árbores e dos bosques, xerar conciencia sobre a importancia da auga para a vida e poñer en valor a poesía como xénero literario”, son os principais obxectivos deste programa que ten tamén unha parte de traballo nas aulas. En vísperas do 1 de abril, as/as alumnos/as de cada un dos centros participantes traballarán na escolla de poemas relacionados coa auga e os bosques, amais de elaborar os seus propios poemas. Posteriormente plasmarán, tanto os poemas escollidos coma os propios, en flores de papel que, finalmente, pendurarán dunha árbore xigante (tamén de papel), instalada no colexio o día 1 de abril. Para esa mesma xornada, promoverase a lectura simultánea dun poema de Manuel María, amais dos actos previstos no parque liñal da Casanova.