Cubertas todas as prazas para a visita guiada a Navantia-Fene do 3 de abril, na quenda das 12:00 h

ALCALDÍA

Cubertas todas as prazas para a visita guiada a Navantia-Fene do 3 de abril, na quenda das 12:00 h

Para as vindeiras visitas, cómpre lembrar que se ofrecen 30 prazas por quenda. A primeira quenda ás 10:00 h. e a segunda ás 12:00 h. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e sempre a data límite será as 12:00 h do venres anterior ao domingo para o que solicita a visita.
As inscricións nestas visitas poden facerse por calquera destes dous procedementos:
  • Por correo electrónico: enviando a ficha de inscrición, que poden descargar dende a páxina web fenecidan.gal, cuberta en todos os seus extremos, ao seguinte enderezo visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, teñen que agardar a recibir o correo de confirmación.
  •  Presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
As visitas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) teñen unha hora e media de duración. No momento da visita proporcionaráselle ao público asistente as EPI a empregar (casco, lentes de protección e chaleco reflector). É necesario vestir calzado axeitado, evitando o talón alto e zapato inestable ou esvaradío.
Poden participar os menores de idade, sempre acompañados dun adulto. Dadas as condicións do solo dos talleres, non poden usarse carriños de bebé.
Queda prohibida a utilización do móbil no interior dos talleres e, de maneira expresa, tirar fotografías ou vídeos nestes espazos. Non obstante, si se poden utilizar os móbiles e as cámaras fotográficas no exterior dos talleres.
A entrada ao estaleiro faise pola entrada das Pías e os participantes teñen que vir provistos do seu DNI.
No percorrido polo estaleiro, as persoas participantes nas visitas recibirán ampla información sobre o proceso de construción das estruturas tipo Spar que se destinarán ao mar do Norte como soporte en augas profundas dos muíños de enerxía eólica. O parque Hywind, instalarase na costa de Escocia. Os artefactos de 3.700 toneladas de peso contan con 91 metros de alto e 14,50 metros de diámetro. Asemade, visitarán a zona na que se montan os jackets para o parque Wikinger. Neste caso os jackets colocaranse a setenta e cinco quilómetros da costa de Alemaña.