CONCELLERÍA CULTURA E ENSINO
Maio, Mes das Letras
29-04-2016
"Maio, mes das letras” principia esta semana cunha conferencia maxistral sobre Manuel María a cargo do doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Rodríguez Sánchez, amigo do autor homenaxeado e colaborador da Fundación Manuel María. A charla, organizada pola SCRD Agarimo de Sillobre, terá lugar este sábado, 30 de abril, a partir das 20 horas no local da sociedade. Este será o punto de partida dun amplo e variado programa de actividades organizadas polo propio Concello e polas sociedades Liga de Amigos de Barallobre, ACRD O Pote, AVV de Limodre, AVV “San Xurxo” de Magalofes, CMI de Fene, CPS de San Valentín, SCRD Agarimo de Sillobre e CCRD de Perlío.Logo desta primeira actividade do “Maio, mes das letras” no Concello de Fene, a próxima cita será o venres 6 de maio no salón de plenos da Casa do Concello. Para esa xornada, a Concellería de Cultura e Ensino organiza un recital poético “Homenaxe a Manuel María” no que participarán, a partir das 19 horas, representantes do movemento asociativo e dos grupos municipais, e que se completará cunha actuación musical a cargo de María Manuela e Xurxo Varela. Para ese mesmo día, no local da AVV de Magalofes, anúnciase unha exhibición de baile coa escola Fusión Dance (ás 20 horas) e unha actuación das Cantareiras do Saime (ás 21 horas).