CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Recital poético en lembranza de Manuel María
04-05-2016
O recital “Homenaxe a Manuel María” e o concerto de María Manuela e Xurxo Varela, previstos para este venres na Casa do Concello de Fene, encádranse no ciclo “Maio, Mes das Letras” que organizan o Concello de Fene e as sociedades Liga de Amigos de Barallobre, ACRD O Pote, AVV de Limodre, AVV “San Xurxo” de Magalofes, CMI de Fene, CPS de San Valentín, SCRD Agarimo de Sillobre e CCRD de Perlío. O programa , recollido nun folleto que editou a Concellería de Cultura e Ensino e que foi distribuido polas oito parroquias de Fene, pretende dar a coñecer as tres efemérides que se xuntan neste ano 2016: o Día das Letras Galegas, o centenario da fundación das Irmandades da Fala e o Ano Castelao.Ao remate do recital contaremos cunha actuación musical a cargo da cantante María Manuela e do músico Xurxo Varela.
María Manuela, cantante e pintora ferrolá, comezou a súa carreira musical a mediados dos anos 70. En 1975 publicou o seu primeiro LP, “Cantigas ao meu xeito”. Dende o ano 1977 formou un dúo co seu esposo, Miguel Tranquilo, con quen gravou seis discos. Tralo falecemento de Miguel, María Manuela retomou a súa carreira en solitario. En 1999 publicou o disco “Para Miguel” e colaborou na gravación do álbum “Sempre mar”, do colectivo Burla negra.
Como pintora, ten unha longa traxectoria, seguindo unha liña colorista e expresionista, principalmente en pintura ao óleo e como debuxante. Na actualidade forma parte do colectivo de pintores ARGA (Asociación de Artista Plásticos Galegos).
Xurxo Varela (viola da gamba e guitarra) tomou contacto co mundo da música da man dos seus pais, María Manuela e Miguel Tranquilo. En 1986 entrou no Conservatorio de Música de Ferrol. Posteriormente estudou violoncello con Clara Groba, na Coruña, e con Dalibor Sebestik en Santiago. Simultáneamente foi tomando contacto coa viola da gamba en Ferrol, tocando en “Música Doméstica”, grupo renacentista amateur co que segue tocando hoxe en día.
Na actualidade toca a viola da gamba en diversos grupos como a “Capela Compostelana”, “Malandança”, “Banchetto Musicale”, “Decamerón&Cía”, “Gradicela”, “Cámara Barroca”, “La Galería del Claroscuro”, “Axivil”, “Ensemble la CHimera” e con “Música Doméstica”. Ademais, toca a guitarra e a viola co grupo de María Manuela e co grupo “Ledicia” de música infantil.
“MAIO, MES DAS LETRAS” NA AVV DE MAGALOFES
Amais das actividades programadas para o venres na Casa do Concello de Fene, a AVV de Magalofes anuncia para ese mesmo día unha exhibición de baile coa escola Fusión Dance, a partir das 20 horas, e unha actuación das Cantareiras do Saime, ás 21 horas.