CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
III Encontro das lavandeiras de Sillobre e Festival de Corais en Magalofes
06-05-2016
Ás 17 horas comeza este sábado o III Encontro das Lavandeiras de Sillobre, coa saída de dúas lanchas, unha dende o peirao de Perlío e outra dende o de Ferrol. Segundo informan dende a SCRD Agarimo, para poder realizar a viaxe en lancha, hai que inscribirse previamente xa que o número de prazas é limitado.Xa en Sillobre, os/as participantes subirán a pe, coas roupas nos carros, até a Igrexa de Santa María e, a partir das 19.30 comezará no lavadoiro de Emérita a recreación do traballo das antigas lavandeiras.
O III Encontro das Lavandeiras de Sillobre continuará con talleres artesáns (palilleiras, panadería, vimbios, xabóns naturais, arte floral, cereiro, pintura, etc) e cunha actuación musical a cargo da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene.
Ao redor das 20.30 horas comezará unha pequena representación teatral, a cargo dos veciños/as da parroquia e, para o remate da xornada, anúnciase unha cea (inscrición previa) a base de xurelos en escabeche con cachelos, lacón asado, queixo con marmelo, pan, café, viño e refrescos. O prezo do menú ascende a 15 €.
Dende a organización, recoméndase asistir ao Encontro das Lavandeiras caracterizados/as de época (finais do XIX, principios do século XX) e, se é posible, con roupas que teñan que ver co proceso de lavado. Para máis información e inscricións, cómpre chamar á SCRD Agarimo. Tfno. 981 340 694.
Tamén este sábado, e no marco do ciclo “Maio, Mes das Letras”, a AVV de Magalofes organiza un festival de corais (20.30 horas) coa participación da Coral Polifónica de Fene e da Coral Polifónica de Cedeira “Eixil”.
Nesta mesma sociedade, mañá venres haberá unha exhibición de baile coa escola Fusión Dance (20.00 horas) e unha actuación das Cantareiras do Saime (21.00 horas).
O ciclo “Maio, Mes das Letras” está organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene e polas sociedades Liga de Amigos de Barallobre, O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes, CMI de Fene, CPS de San Valentín, Agarimo de Sillobre e CCRD de Perlío.