CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
As Sociedades de Fene festexan as Letras Galegas
13-05-2016
Para hoxe venres, 13 de maio, a AVV de Magalofes anuncia a apertura dunha exposición dos labores das palilleiras da parroquia e, en Agarimo de Sillobre, unha exposición fotográfica e un concurso de fotografía. Na Liga de Amigos de Barallobre, a partir das 19 horas, comezan este venres os actos das Letras Galegas coa inauguración dunha exposición dos traballos feitos nos obradoiros da sociedade, á que seguirá unha conferencia sobre Manuel María, a cargo do director do Ceip O Ramo, Benigno Sánchez Vales. Ao remate do faladoiro, actuará en Barallobre o grupo de música tradicional Airiños da Capela.E, xa por último, en Perlío, o Círculo anuncia para as 20.30 horas deste venres unha actuación do grupo de teatro Agarimo de Sillobre cunha representación da obra “Espérame no ceo”.
O sábado, 14 de maio, haberá unha churrascada na AVV de Magalofes e, en San Valentín, un festival de corais organizado polo CPS no auditorio do colexio CPI A Xunqueira (20.00 horas). O certame contará coas actuacións do Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio, da Coral Polifónica de Carnota, da Coral Xan Mella de Baio e da Coral Polifónica de San Valentín.
O programa de actividades previsto para este sábado inclúe tamén a presentación, ás 20.00 horas, do libro gañador do “XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé” no local do CMI Unidade de Fene. Trátase da obra Os nomes e os himnos, de Jesús Castro Yáñez. O acto completarase coa actuación do grupo Lenda Ártabra.
No CCRD de Perlío tamén se anuncia para o sábado unha actuación dos grupos Orquestra infantil “Charamela” de Pontedeume; trío A culpa foi de Lolo; e rondalla Perla del río do CCRD de Perlío. Ao remate, haberá unha degustación de chourizos con pan e viño e, de sobremesa, bola e queimada.
No Pote de Maniños organizaron para este sábado a tradicional “Cea-baile da flor”, coa actuación do Trío Boreal.
O domingo, 15 de maio, a AVV de Magalofes pechará o seu ciclo das Letras Galegas cunha actuación (19.30 horas) dun grupo de nenos/as da sociedade e con exhibicións de bailes de salón. Para ese día, a SCRD Agarimo de Sillobre programou unha excursión á Ribeira Sacra e no local do Pote inaugurarase unha exposición pictórica de Gloria Tenreiro (que se amosará nesta entidade ata o día 23 de maio)
As actividades do programa “Maio, Mes das Letras” continuarán nas sociedades de Fene o luns, 16 de maio, cunha proxección da película Sempre Xonxa (20.00 horas) no auditorio do CPS de San Valentín; coa apertura das exposicións dos traballos realizados polo alumnado das escolas culturais do Pote de Maniños; e cunha representación (20.30 horas) na Liga de Amigos de Barallobre, a cargo do grupo de teatro de Teruca Bouza da Sociedade Amigos da Paisaxe do Seixo, representarán "O pan de cada día", dirixida por Carlos Basoa.
Para o Día das Letras Galegas, o martes 17 de maio, a sociedade Agarimo de Sillobre programou unha ruta de sendeirimo, con saída ás 10.00 horas do local da entidade. No Pote de Maniños anúnciase unha actuación (18:00 horas) do Tradicoro de Airiños de Fene e da Coral Polifónica O Pote. Na Liga de Amigos de Barallobre proxectarase (19:00 horas) a película Sempre Xonxa e no CMI Unidade de Fene pecharán ese día a programación das Letras Galegas cunha misa cantada (20.00 h.) pola Rondalla Estrelecer na parroquia do Divino Salvador, en lembranza do socios/as falecidos/as. Ao remate, en torno ás 21.00 horas, haberá unha conferencia sobre Manuel María no local do CMI que correrá a cargo do escritor Miguel Anxo Mato Fondo. No mesmo acto, entregaranse as insignias de prata aos socios/as que levan 50 anos e pecharán a xornada cunha actuación da Rondalla Estrelecer e co reparto da tradicional queimada, acompañada de proia.
O mércores, 18 de maio, continuarán as actividades nas sociedades de Fene cun faladoiro-coloquio (18:00 h.) para homenaxear a Manuel María no CPS de San Valentín e cunha representación (20.00 h.) no Pote de Maniños, a cargo da compañía O son da farsa (obra: Dereita e esquerda)
Co programa “Maio, mes das letras ”, o Concello de Fene e o movemento asociativo do termo municipal conflúen un ano máis na conmemoración do Día das Letras Galegas, “data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua”.