O Museo do Humor de Fene conmemora este mércores o "Día dos Museos" cun concerto de "De Vacas".

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O Museo do Humor de Fene conmemora este mércores o "Día dos Museos" cun concerto de "De Vacas".

O programa inclúe catro espectáculos que se caracterizan por combinar música e humor. Na primeira xornada, o mércores 18 de maio ás 20:00 h, actuará o grupo “De Vacas formado por Marela, Pinta e Morena (Faia Díaz, Ines Salvado, Paula Romero, ex-compoñentes do Coro da Ra e do Coro Encaixe) e Guillerme Fernández (integrante de formacións como Berrogüeto ou aCadaCanto). De Vacas realiza “versión de grandes temas venerados polas masas pero maltratados pola historia”. Delas, son moi populares, por exemplo, a súa versión a tres voces do Gangnam Style de Psy ou de cancións das Spice Girls. Mais non só recrean cancións que marcaron “a súa persecución dun soño adolescente, converternos en cantantes famosas…”, senón que amplían o seu espectro musical con cancións da tradicional musical galega, como unha versión retranqueira do Alalá das Mariñas ou a súa interpretración do "Single Ladies" de Beyoncé a ritmo de muiñeira.
"De Vacas" foi galardoado co Premio da Música "Martín Codax'2016" na modalidade de coros e grupos vocais.
O venres 20 de maio actuará no Museo do Humor de Fene “Aldaolado”, dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, co seu espectáculo “Pendanga e oso, un espectáculo aldaolado sobre o amor”. Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, “xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que Aldaolado recitan neste espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.
Todas as sesión do ciclo “Música con retranca” desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, agás a última función (Lilí Berlín) que será ás 20.30 horas. As entradas serán de balde aínda que, segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, para asistir a calquera dos espectáculos programados haberá que recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.