Aldaolado no Museo do Humor de Fene

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Aldaolado no Museo do Humor de Fene

Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, “xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que Aldaolado recitan neste espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.
Como en todo o ciclo de “Música con retranca ”, as entradas para asistir á función de Aldaolado no Museo do Humor de Fene serán de balde (previa recollida de invitacións -2 por persoa- o mesmo día do espectáculo na conserxería da Casa da Cultura de Fene, a partir das 16 horas). Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.
O ciclo “Música con retranca ” continuará o venres 27 de maio co grupo “Os da ría”, formado por Arturito e Fabián, “dous grandes divos da música lixeira”, acompañados ao piano -no seu formato máis “Íntimo”- polo músico Susito Pián. Neste espectáculo, cheo de inxenio, humor e música, “Os da ría” lembran os seus grandes hits como “Infanta Elena”, “Caramba, que guapa estás” ou “Fernando Ónega”.
Organiza: concellería de Cultura e Ensino coa colaboración da Agadic-Xunta de Galicia (programa “Cultura no Camiño).