O domingo San Valentín acolle a XXIII Milla Escolar "Concello de Fene"

CONCELLERÍA DE DEPORTES

O domingo San Valentín acolle a XXIII Milla Escolar "Concello de Fene"


A Milla Escolar “Concello de Fene” é unha actividade dirixida a nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán o domingo ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. Segundo se establece no regulamento da proba, as categorías diferéncianse por anos de nacemento e aulas (ou idades equivalentes á idade correspondente de cada curso). Deste xeito, favorécese a participación de nenos e nenas da mesma aula, sobre todo nas categorías inferiores. Ademais, en todas as categorías diferénciase entre masculino e feminino.
Os participantes das categorías dos cursos de Educación infantil (“Prebiberón 1”, “Prebiberón 2” e “Biberón”) non sairán todos xuntos, senón por quendas de 10 participantes aproximadamente, para evitar aglomeracións na saída que poidan provocar caídas. Por este motivo non se realizará a medición dos primeiros clasificados nestas categorías e non haberá trofeos, aínda que sí haberá medalla para todos os participantes.
Ao remate de cada carreira terá lugar a entrega de medallas a tódolos participantes e unha vez que finalice a “Milla”, entregaranse os trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría (a partir da categoría Prebenxamín).

No caso de organizar a carreira no interior do pavillón da Xunqueira, realizarase un circuíto en redondo de aproximadamente 125 metros, no que o percorrido se determinará por voltas e a distancia establecida inicialmente pode variar para adecualo a voltas completas.
A circulación dos asistentes desenvolverase polas rúas transversais de San Valentín, deixando rúas alternativas de entrada e saída. Ademais contarase cos aparcadoiros da entrada de San Valentín e do CPI A Xunqueira. Efectivos da Policía Local e de Protección Civil indicarán aos participantes o lugar de aparcadoiro e rúas de circulación.
A “Milla Escolar” é xa unha das probas clásicas e consolidadas  do Concello de Fene, cunha  participación aproximada de 500 nenos e nenas de toda a bisbarra. 
Por último, sinalar que aínda hai unha última oportunidade para realizar inscricións individuais. O mesmo día da carreira, antes das 10,30 horas.
Para calquera dúbida os interesados poden  chamar  ao Departamento de Cultura e Deportes. Teléfono 607 615 962 ou 981 340 366