Abre o prazo para participar no XXIX Premio Poesía "Pérez Parallé"

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Abre o prazo para participar no XXIX Premio Poesía "Pérez Parallé"

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, coa colaboración do Concello de Fene e a editorial "Espiral Maior", convoca unha nova edición do Premio Nacional de Poesía "Xosemaría Pérez Parallé". O certame organízase co obxectivo de “colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía”, agás se a súa edición correu por conta do autor/a.
As persoas que queiran participar nesta convocatoria terán de prazo até o vindeiro venres 30 de setembro de 2016 para presentar os seus orixinais. Os autores e autoras deberán entregar un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada duns 300 versos (a escolla ortográfica de cada libro presentado non será obxecto de valoración por parte do xurado).
Os textos presentaranse por triplicado debidamente encadernados ou grampados, “identificados inequivocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado”. Na parte externa do mesmo farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase o nome completo do autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto. No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, do ISBN.
Os traballos enviaranse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene (Porto do Río, 21, San Paio, Fene 15500, A Coruña)
O xurado do certame estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica.
A entrega do premio terá lugar o sábado 12 de novembro de 2016 nas instalacións do CMI de Fene.
O premio do XXIX Premio de Poesía “Pérez Parallé” consistirá na edición do libro gañador na Colección de Poesía "Espiral Maior" e nunha gratificación económica para o autor/a de 2000 euros (suxeita ás retencións impositivas que marca a lei).
A edición do libro constará de 600 exemplares. O editor entregará ao autor ou autora 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocadora, os patrocinadores e/ou o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edicións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá deixar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
O Premio Nacional de Poesía, que convoca anualmente o CMI Unidade de Fene estableceuse en homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé, tralo seu pasamento ocorrido en 1987. Desde o ano 2005 o Concello de Fene colabora coa convocatoria do certame, que premia un libro de poesía de autor/a inédito. O libro gañador publícase na prestixiosa editorial Espiral Maior, que conta coa máis extensa colección de poesía da historia da literatura galega.
O premio revelouse, nestes últimos dez anos, como unha ferramenta moi efectiva para dar a coñecer novas voces da poesía galega que, tras obter o premio, comezan unha carreira literaria exitosa. Nomes coma os de Mario Regueira, Susana Sánchez Aríns, Xiana Arias Rego, Ramón Neto, Lorena Souto, Eduard Velasco ou Jesús Castro Yáñez forman parte xa dun presente prometedor da literatura galega.