Inscrición nos bautismos de Mergullo

CONCELLERÍA DE DEPORTES

Inscrición nos bautismos de Mergullo

O Bautismo de Mergullo infantil terá lugar o sábado 11 de xuño en dúas quendas: de 17.00 a 17.45 horas e de 17.45 a 18.30 horas. Nesta actividade, dirixida a nenos/as de 10 a 16 anos, os/as alumnos/as aprenderán a manexar un equipo lixeiro, recibirán explicacións e presenciarán exercizos co equipo pesado (que será levado polo monitor) e, por ultimo, realizarán prácticas de respiración, relaxación, normas de seguridade básicas e sinais submarinas. Os requisitos para poder participar nesta actividade son: saber nadar e aportar un permiso paterno/materno. O número de prazas dispoñibles para esta actividade ascende a 30 en total (15 en cada quenda) que se cubrirán por orde de inscrición. Actividade GRATUITA.
O día da actividade, os nenos/as participantes deberán levar bañador, gorro, chanclas e camiseta para meter na auga.
O Bautismo de Mergullo para maiores de 16 anos desenvolverase o sábado 11 de xuño, de 18.30 a 21.00 horas, na piscina municipal de Centieiras, e completarase o domingo 12 de xuño cun paseo subacuático na praia de Chanteiro, de 10.00 a 13.00 horas (se as condicións do mar non o permiten, cambiarase a data para outro domingo). Nesta segunda xornada, cada alumno/a mergullarase acompañado por un monitor. Os requisitos para poder participar no Bautismo de Mergullo para maiores son: saber nadar e ter máis de 16 anos (os menores de 18 anos deberán aportar un permiso paterno/materno).
Segundo informan dende o Departamento de Deportes do Concello de Fene, para esta actividade hai 12 prazas dispoñíbeis que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O custe da mesma ascende a 6,25 euros.
O día da actividade, os participantes deberán levar bañador, gorro, chanclas e camiseta para meter na auga (o sábado).
INSCRICIÓNS
As persoas que desexen participar nos Bautismos de Mergullo do Concello de Fene (tanto nos infantís coma nos de maiores de 16 anos) deberán inscribirse do 25 de maio ao 9 de xuño no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) en horario de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas e os mércores, de 16.30 a 19.00 horas.
Para máis información, cómpre dirixirse ao departamento de Cultura, Deportes e Xuventude do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta.) ou chamar ao teléfono 981-340366.
Actividade realizada coa colaboración do Club de Actividades Subacuáticas Nautilus.
NOTA: a organización proporcionará todo o material deportivo necesario, incluídos os traxes de neopreno para o mar (no caso do Bautismo de Mergullo para maiores de 16 anos)