CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Volve o Verán máis alá!!
01-06-2016
O Verán Máis Alá 2016 desenvolverase do 1 ao 29 de xullo nas instalacións do CEIP Centieiras de Perlío. Tendo en conta que un dos obxectivos deste programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, un ano máis estruturarase en dous bloques horarios:Bo día! Dende as 8:00 ata as 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse a calquera hora nesta franxa horaria).Máis alá! que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:30 (os nenos e as nenas deberán incorporarse ás 10.00 h e saír entre as 14:00 e as 14:30 horas).
Segundo informa a Concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, o Verán Máis Alá! deste ano está adicado a Manuel María, autor homenaxeado no pasado “Día das Letras Galegas” e, nomeadamente, á súa literatura de viaxes (Andando a terra) e á súa poesía infantil. Partindo deste tema, o programa promete “descubrir, amosar, buscar, rastrexar e investigar cousas, lugares, sons, personaxes, músicas, artes, cinemas, locais de diversión, profesións, costumes, lendas, a historia, o imaxinario, as festas, a actualidade…de Fene e da nosa contorna, dándolles unha unha volta creativa e divertida e transformándoas en actividades do campus”.
Nesta nova edición do Verán Máis Alá de Fene, os pequenos/as que se inscriban realizarán distintas actividades: artísticas (empregando diferentes materiais que maximicen o seu potencial creativo); formativas coma os contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida, etc. (para apoiar o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven); xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais (para favorecer a socialización, a cooperación a tolerancia e o xogo limpo); actividades acuáticas na Piscina Municipal; excursións polo Concello de Fene e outros puntos da comarca; danza, música, teatro (traballando con distintas coreografías, bailes e ritmos a expresión corporal e a elasticidade)…
As persoas interesadas en anotar aos seus pequenos/as neste programa deberán entregar a ficha de datos ( descargar aquí ) no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán) o vindeiro mércores, 8 de xuño, ou o xoves, 9 de xuño, (os veciños/as de Fene) e o venres, 10 de xuño (os veciños/as doutros Concellos, sempre que queden prazas libres). Coma todos os anos, as 120 prazas previstas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
HORARIOS E DATAS:
VECIÑOS/AS DE FENE.
Mércores, 8 de xuño + xoves, 9 de xuño de 2016
– Horario ininterrompido de 08:00 a 19:00 h. (mércores 8) e de 08:00 a 14:30 h (xoves 9)
– Documentación: Ficha de datos - Volante de empadroamento no Concello de Fene.
VECIÑOS/AS DOUTROS CONCELLOS (só se quedan prazas vacantes, extremo que se anunciará neste web).
Venres, 10 de xuño de 2016
– Horario de 08:00 a 14:30 h.
– Documentación: Ficha de datos
O luns 13 de xuño publicarase neste web a listaxe dos/as participantes no XIV Verán Máis Alá! Publicada a listaxe, as familias dos nenos/as inscritos realizarán o ingreso bancario (do que deberán entregar xustificante no Departamento de Cultura e Deportes antes das 14:00 h do mércores 17 de xuño, coa fotocopia da tarxeta sanitaria e un xustificante médico, no suposto que o neno/a precise dun tratamento específico, amais dunha fotografía tamaño carné co nome do/a neno/a escrito pola parte de atrás).
O custe da actividade (todo o mes) ascende a 68,15 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e a 36,70 € a partir do segundo membro da unidade familiar. No caso de apuntar ao/á pequeno/a durante unha quincena nada máis, o custe será de 34,08 € para o primeiro membro da unidade familiar matriculado, e de 18,35 € a partir do segundo membro da unidade familiar.
Para as familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo poderán acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4. da Ordenanza fiscal núm. 2 .
MÁIS INFORMACIÓN
No Departamento de Cultura e Ensino (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita, 15500 Fene) Teléf.: 981 340 366. Correo electrónico: cultura.deportes@fene.gal