CONCELLERRÍA DE CULTURA E ENSINO
Cambios na organización da Festa da Veciñanza-Xornada de convivencia interxeracional
27-06-2016
No marco do ciclo do “Día da Patria Galega”, a Concellería de Cultura e Ensino de Fene anuncia para o vindeiro mércores 13 de xullo unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional concebida coma encontro dos veciños/as de Fene de todas as idades. A orquestra “Os Modernos” amenizará a velada que se desenvolverá na Praza do Concello de Fene e que comezará ás 20.00 horas coa xa tradicional churrascada.Co obxectivo de ordear a actividade e de facer unha previsión das racións (de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga) que se servirán este ano na Festa da Veciñanza, a organización anuncia o cobro dunha cota simbólica de 3 € / ración e a venda anticipada de tickets nos locais das entidades de Fene. Así, as persoas interesadas poderán mercar os seus tickets antes do 7 de xullo nas sociedades CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes ou SCRD Agarimo de Sillobre. O mesmo día 13, na Praza do Concello, só se poñerán á venda un máximo de 100 tickets.
Ao remate da churrascada, que organiza unha entidade veciñal coa colaboración do Concello e do movemento asociativo de Fene, a Concellería de Cultura anuncia espectáculo e baile coa orquestra Os Modernos.
“Como consecuencia da súa constante ansia por renovarse e a experiencia a través de tantas xiras por Europa e América do Sur e do Norte, a Orquestra “Os Modernos” ofrece un repertorio renovado de bailes como manda a última moda: foxtrot, baiao, chotis, habanera ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer tampouco eses ritmos máis arcaicos e propios do folklore galego como a muiñeira ou a jota.” "Os Modernos" son: Manolo Guldrís (bombo-chis), Xosé Tuñas (caixa), Carlos Osorio (gaita-de-fol), Joám Casas (clarinete), Lois Mouriño (saxo), Alonso Caxade (bombardino) e Iria Piñeiro (voz) como Rosalie de Choix.
CICLO DÍA DA PATRIA
A Concellería de Cultura e Ensino organiza o Ciclo “Día da Patria Galega” que este ano comezará o venres, 8 de xullo, a partir das 22:00 h na Praza do Concello, cun concerto de XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DO SALITRE presentando o seu disco Tambourine Man.
O luns 11 de xullo, a partir das 22:00 h no mesmo escenario da Praza do Concello, actuará o mago Kiko Pasteur co espectáculo “O mago e o ilusionista”.
O programa continuará o martes, 12 de xullo, a partir das 20:30 co Certame de Habaneiras e Canto Coral no que actuarán as Rondallas Estrelecer e Perla do Río e as corais de Agarimo, San Valentín, Eterna Xuventude e O Pote de Maniños. Tamén actuará o TradiCoro de Airiños de Fene e pechará o concerto o coro Sisters in the house.
O mércores 13 de xullo celebrarase a Festa da Veciñanza e o xoves 14, para pechar o programa, procederase á lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Lineal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”. O acto comezará ás 20.00 horas.