Agustín Fernández Paz, o teu compromiso coa lingua e o contributo á cultura do país sempre nos acompañarán.

ALCALDÍA

Agustín Fernández Paz, o teu compromiso coa lingua e o contributo á cultura do país sempre nos acompañarán.

Nos anos que residiu na comarca de Ferrolterra, Agustín, á fronte do colectivo de mestres Avantar, foi un dos artífices dos primeiros libros de texto para o ensino do galego, “O noso galego”, libros que en boa parte se xestaron nas instalacións do CEIP O Ramo. No ano 1984, cando o Concello de Fene, comezou o proceso de normalización lingüística na administración local, Agustín foi unha das persoas que asumiu os labores de normalización, modernización e adaptación á linguaxe non sexista da documentación administrativa así como da formación do funcionariado. Tamén nos primeiros anos de Radio Fene, Agustín e Inma dirixiron un programa divulgativo sobre a nosa lingua e cultura que levaba por título “A Fervenza”. Moitas máis foron as súas colaboracións co Concello, a última, por estas mesmas datas do ano 2007, Agustín foi o autor da declaración institucional do “Día da Patria Galega”, unha declaración que remataba cos versos de Manuel María, chairego como Agustín e o autor ao que neste 2016 se lle dedican as Letras Galegas, que reproduzo deseguido:
“Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!”