CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
"Galicia é patria, sentimento e emoción"
15-07-2016
A continuación, procedeu á lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega 2016, a autora do documento, Paloma Rodríguez:“Fene
Galicia é patria, sentimento e emoción. É construcción histórica e intelectual. É realidade e concreción. É mulleres e homes de antes e de agora. É conxunción de mar e monte, industria e agro, comercio e gando.
É binomio de pobos e de xentes. Galicia é, e esta Galicia témola de facer día a día, pobo a pobo, desde a obriga que todas e todos temos de contribuir á súa construcción, ao seu crecemento e á súa dignidade. Desde a obriga de seguir a elevar ese andamiaxe con cimentos firmes postos por quen nos precederon, por aquelas, por aqueles que foron quen de pensar en país, de soñar nunha terra, de crer na solidaridade e de agrandar esta urdime para que poda voar libremente o noso futuro.
Porque hoxe Galicia é cultura, tradición, enerxía e mañá pero aínda é tamén desigualdade, exclusión, emigración, pobreza.
Galicia tan heteroxénea e diversa, tan compacta e identitaria. E hai outra Galicia, esa que xa non é. Xa non é unha terra silente e queixumbrosa, xa non é un pobo resignado e esquecido. Xa non é ese mito de sometemento porque nos, cada unha, cada un, racharemos con esa lenda e encheremos o país de vagalumes de forza, de ilusión, de certezas e de coraxe.
Hoxe conmemoramos a patria, a terra. O día dunha Galicia que se fai en cada recuncho, en cada instante, en cada persoa. Unha Galicia que hoxe e aquí tamén se escribe e se dí con F
Con f da fala, con f da forza para superar as dificultades, con f da fachenda, deste orgullo que temos de pertenecer a este lugar, con f da fartura de olvidos, con f das feridas e ofensas que superamos, con f dos fins perseguidos e conseguidos, con f das fillas dos fillos, con f do fío que nos enguedella e co que tecemos o noso porvir, con f de futuro.
Con f da férrea vontade dos nosos emigrantes que fai xa cen anos loitaron pola educación do seu pobo.Con f de festa da terra.
Con f de Fene
Nos, Fene, somos xentes de arrecendo a salitre e vento na cara. Fene, obreiro e mariñeiro, emblemático pobo que evoca solidaridade e cidadanía. Berce do movemento obreiro, unha terra feita co esforzo de todos e todas co gran apoio que proporciona a forza e a vontade de convivencia das súas xentes prendidas nunha historia pletórica de complicidades.
Fene cheo de mar, deitado a carón desta ría que é espacio de riqueza cuia recuperación e defensa é un obxectivo inaplazable. Fene de cara a esas grúas que son a fonte da nosa historia e do noso traballo. A fonte de reivindicacións e de unións, de loitas e de lutos, de forza e de conquistas. Fene que da leccións a cotío do valor, da intelixencia e do esforzo incansable da súa veciñanza que foi quen de convertilo neste lugar que é hoxe camiñando cara ao progreso sen desbotar as súas raíces coa sabia aspiración de combinar a tradición coa modernidade, vencellado ao pasado pero inmerso nos tempos actuais.
Fene o dos barcos que admiran ao mundo, o das bravas mulleres que cultivan o mar, Fene tamén é quen de facer Galicia, de amar a lingua, de potenciar a cultura, de facer un país que acolla, que traballe, que garanta unha vida digna as xentes de aquí e a quen ven a quedarse entre nos.
En Fene, en Galicia, temos a experiencia de que a unión multiplica os resultados, temos a certeza do potencial de camiñar xuntos, temos a decisión de entendemento e de traballo colectivo, temos o entusiasmo de defender a nosa terra e temos a forza necesaria e a conciencia de cidadanía que nos permitan avanzar cara a un tempo novo, a un futuro xusto co alicerce de ver medrar este vello e femoso país que somos nos.
Escribe Helena VillarJaneiro que hai que:
Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula.
Soñemos, fabulemos e fagamos o tempo de ser plenamente, o tempo dunha Galicia que colme os nosos anceios.
Porque as boas, os xenerosos, os bos, as xenerosas saben que os tempos son chegados”.
Pechou o acto o alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen aproveitou a súa intervención para lembrar ao recentemente falecido Agustín Fernández Paz e para recuperar a Declaración Institucional que o escritor vilalbés elaborou para o Concello de Fene en 2007. Un texto no que, curiosamente, tamén falaba de cómo construir a patria. “A patria constrúese todos os días: na utilización da lingua que nos une, na mellora das condicións de vida, no coidado do medio, na memoria de quen somos e de onde vimos”.
Ao son do himno galego, interpretado polos irmáns Alberto e Óscar Maceiras, concluíu este ano o acto de lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega no Concello de Fene.