ALCALDÍA
25 de xullo, Día da Patria Galega
25-07-2016
“FeneGalicia é patria, sentimento e emoción. É construcción histórica e intelectual. É realidade e concreción. É mulleres e homes de antes e de agora. É conxunción de mar e monte, industria e agro, comercio e gando.
É binomio de pobos e de xentes. Galicia é, e esta Galicia témola de facer día a día, pobo a pobo, desde a obriga que todas e todos temos de contribuir á súa construcción, ao seu crecemento e á súa dignidade. Desde a obriga de seguir a elevar ese andamiaxe con cimentos firmes postos por quen nos precederon, por aquelas, por aqueles que foron quen de pensar en país, de soñar nunha terra, de crer na solidaridade e de agrandar esta urdime para que poda voar libremente o noso futuro.
Porque hoxe Galicia é cultura, tradición, enerxía e mañá pero aínda é tamén desigualdade, exclusión, emigración, pobreza.
Galicia tan heteroxénea e diversa, tan compacta e identitaria. E hai outra Galicia, esa que xa non é. Xa non é unha terra silente e queixumbrosa, xa non é un pobo resignado e esquecido. Xa non é ese mito de sometemento porque nos, cada unha, cada un, racharemos con esa lenda e encheremos o país de vagalumes de forza, de ilusión, de certezas e de coraxe.
Hoxe conmemoramos a patria, a terra. O día dunha Galicia que se fai en cada recuncho, en cada instante, en cada persoa. Unha Galicia que hoxe e aquí tamén se escribe e se dí con F
Con f da fala, con f da forza para superar as dificultades, con f da fachenda, deste orgullo que temos de pertenecer a este lugar, con f da fartura de olvidos, con f das feridas e ofensas que superamos, con f dos fins perseguidos e conseguidos, con f das fillas dos fillos, con f do fío que nos enguedella e co que tecemos o noso porvir, con f de futuro.
Con f da férrea vontade dos nosos emigrantes que fai xa cen anos loitaron pola educación do seu pobo.Con f de festa da terra.
Con f de Fene
Nos, Fene, somos xentes de arrecendo a salitre e vento na cara. Fene, obreiro e mariñeiro, emblemático pobo que evoca solidaridade e cidadanía. Berce do movemento obreiro, unha terra feita co esforzo de todos e todas co gran apoio que proporciona a forza e a vontade de convivencia das súas xentes prendidas nunha historia pletórica de complicidades.
Fene cheo de mar, deitado a carón desta ría que é espacio de riqueza cuia recuperación e defensa é un obxectivo inaplazable. Fene de cara a esas grúas que son a fonte da nosa historia e do noso traballo. A fonte de reivindicacións e de unións, de loitas e de lutos, de forza e de conquistas. Fene que da leccións a cotío do valor, da intelixencia e do esforzo incansable da súa veciñanza que foi quen de convertilo neste lugar que é hoxe camiñando cara ao progreso sen desbotar as súas raíces coa sabia aspiración de combinar a tradición coa modernidade, vencellado ao pasado pero inmerso nos tempos actuais.
Fene o dos barcos que admiran ao mundo, o das bravas mulleres que cultivan o mar, Fene tamén é quen de facer Galicia, de amar a lingua, de potenciar a cultura, de facer un país que acolla, que traballe, que garanta unha vida digna as xentes de aquí e a quen ven a quedarse entre nos.
En Fene, en Galicia, temos a experiencia de que a unión multiplica os resultados, temos a certeza do potencial de camiñar xuntos, temos a decisión de entendemento e de traballo colectivo, temos o entusiasmo de defender a nosa terra e temos a forza necesaria e a conciencia de cidadanía que nos permitan avanzar cara a un tempo novo, a un futuro xusto co alicerce de ver medrar este vello e femoso país que somos nos.
Escribe Helena VillarJaneiro que hai que:
Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula.
Soñemos, fabulemos e fagamos o tempo de ser plenamente, o tempo dunha Galicia que colme os nosos anceios.
Porque as boas, os xenerosos, os bos, as xenerosas saben que os tempos son chegados”.
Declaración Institucional do Día da Patria Galega 2016. Paloma Rodríguez Vázquez.