ALCALDÍA
Fene leva a aprobación o maior orzamento da historia do municipio con preto de doce millóns de euros
04-08-2016
Concretamente, 11.861.782,18 € de gastos e de ingresos. O documento recolle as principais propostas do goberno local, como son, a blindaxe da política social cun Plan de emprego financiado con 120.000 € e o incremento das partidas de benestar social, especialmente significativa a que corresponde á atención á dependencia. Outro capítulo de vital importancia é o das obras que, por primeira vez en moitos anos, acada os 1.458.700,57 €. Hai que retrotraerse aos anos 2006 e 2007 para encontrar cifras de investimentos de importancia semellante, coa diferenza de que naqueles anos estaban financiadas en parte con cretos bancarios e, na actualidade, o Concello de Fene sigue a reducir débeda bancaria nun -26%. As contas tamén recollen o incremento salarial do persoal no 1%, tratándose do primeiro incremento salarial dende 2011.Os ingresos proveñen nun 58,25% dos impostos e taxas que paga a veciñanza e as empresas, un 30% de transferencias do Estado e un 9% de subvencións, que supoñen esta últimas máis dun 328% de incremento con respecto ao exercicio anterior.
Para o alcalde de Fene e responsable da área de Facenda, o nacionalista Juventino Trigo, “estas contas son un salto moi importante na prestación de servizos públicos e na execución de obra pública, cun notable esforzo na dinamización da economía e na creación de emprego”.