Licitadas as obras da senda peonil do Ramo

ALCALDÍA

Licitadas as obras da senda peonil do Ramo

Con esta obra preténdese mellorar a seguridade da estrada AC-133 que dá acceso a varios centros educativos e culturais como o colexio de O Ramo, a escola infantil, o campo de fútbol ou o pavillón de deportes.
A senda desenvolverase nun tramo antigo da estrada resultante dunha rectificación do trazado próximo ao apeadeiro de Barallobre e non require expropiacións. Nos primeiros 130 metros, ata a pasarela peonil existente para o paso sobre a vía do tren, executarase pola marxe dereita. Unha vez pasada a pasarela construirase pola marxe esquerda cunha lonxitude de case 440 metros e nos últimos 140 metros executarase pola dereita debido á existencia da escola infantil e o pavillón polideportivo. A obra completarase coa reparación da varanda da pasarela que ademais será repintada para protexela da oxidación. Unha vez construída a senda a vía constará dunha estrada de seis metros e un paso peonil de formigón de 2,2 metros.
Ademais desta obra, os servizos municipais están ultimando a licitación de cinco obras máis por un importe total de 567.840,50 euros. As obras que proximamente sairán a concurso son:
·        Pavimentacións varias nas parroquias de Barallobre e Maniños así como obras de alumeado público na contorna da pista polideportiva de Magalofes cun orzamento de 42.226,52 €
·        Pavimentación da Estrada de Laraxe dende Areosa (Limodre). Orzamento 30.035,07 €
·        Mellora da drenaxe e reforzo do firme no núcleo de Lubián (Sillobre). Orzamento: 59.986,86 €.
·        Pavimentación do Camiño do Catalán (Maniños). Orzamento 80.451,79 €
·        Renovación de servizos e pavimentos na Avenida das Pías (Estrada FE-14). Fase 1 (marxe dereita). Orzamento 355.140,26 €