Xardín Desordenado presenta en Fene o seu espectáculo "Aprendendo a ladrar"

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

Xardín Desordenado presenta en Fene o seu espectáculo "Aprendendo a ladrar"

Hai sete anos, un grupo de músicos reuníronse nunha bufarda de Tirán Igesario (Moaña) para musicar a poetas galeg@s. Aínda que de distintas procedencias musicais e mesmo xeneracionais, todos eles tiveran contactos co jazz, xénero musical que aparece como fondo de moitos dos seus arranxos (aínda que as súas composicións van dende o blues e o swing, ata o bolero e a bossa nova).
Xardín Desordenado publicou daquela un primeiro CD, adicado a poetas, e presentou os seus traballos en numerosos auditorios, como a Cidade da Cultura, o Museo Verbum de Vigo, o Pazo de Cultura de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo, o Auditorio Afundación de A Coruña etc.
En 2014 viaxou ata Bos Aires onde ofreceu concertos en diversos teatros e auditorios.
Recentemente, o grupo presentou o seu segundo CD, adicado a 17 poetas mulleres (Rosalía, María Lado, Yolanda Castaño, Carme Kruckemberg, Chus Pato, Marta Dacosta, Marica Campo…), que será o que presentará este venres en Fene.
Ademais, neste concerto, Xardín Desordenado incluirá algunhas cancións do seu programa “Manuel María entre amigos”, sobre textos do poeta homenaxeado o Día das Letras Galegas 2016.
Actividade organizada pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene, no marco do programa "Cultura no Camiño" da Xunta de Galicia.