O luns 3 de outubro abre o prazo de inscrición para as escolas e obradoiros culturais

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

O luns 3 de outubro abre o prazo de inscrición para as escolas e obradoiros culturais

A inscrición nas distintas actividades formalizarase do luns 3 ao venres 7 de outubro (os días 3, 4 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6 e 7 de outubro, a poboación en xeral) nas dependencias administrativas do pavillón “A Xunqueira” de San Valentín. O horario de atención ao público será de 8:30h a 14:00 h. (todos os días) e de 16:00 h a 19:00 h (o mércores 5 e o xoves 6 de outubro).
A oferta de escolas e obradoiros culturais municipais para este novo curso pasa por actividades coma piano e solfexo, guitarra, idiomas (“Xogamos co inglés” e “Falamos inglés”), cociña (obradoiro de “Cociña para vag@s”), cómic, risoterapia (obradoiro “Licenza para rir”), e por diferentes cursiños TIC (“Introducción a internet” e “Introducción á ofimática”).
Como novidades, a Concellería de Cultura e Ensino organiza tamén obradoiros de fotografía (“Fotografía con móvil e cámaras compactas”, “Obradoiro de saídas fotográficas”, “Proxecto fotográfico. Iniciación” e “Storytelling Audio+Foto”), de artes escénicas e oratoria (“Obradoiro de monólogos e recursos cómicos en galego” e “Obradoiro de técnicas básicas para falar en público”) e unha nova escola que ten como obxectivo aprender a mirar as artes plásticas e a arquitectura de xeito divertido (“Un paseo polas artes”).
Segundo informan dende a Concellería de Cultura, as actividades só se realizarán se se cubren o 60 % das prazas ofertadas. Neste senso, e en base á matriculación rexistrada, o Concello de Fene publicará o 14 de outubro no taboleiro do pavillón polideportivo da Xunqueira e na páxina web www.fenecidadan.gal un listado das escolas que entrarán en funcionamento no curso 2016/2017.